Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"Precisamos máis axudas para vivir, pero o premio é un acicate"

A asociación leva máis de tres décadas de actividade na vila

"Precisamos máis axudas para vivir, pero o premio é un acicate"

No ano 1995, o músico e bailarín Manuel Cobas asumiu a dirección da Asociación Cultural Lembranzas da Ría, que en 1984 fundara Xosé Menduíña Bastón. Os seus integrantes levan máis de tres décadas traballando a prol da recuperación de bailes e músicas tradicionais que conforman os seus espectáculos. Ademais, a agrupación, sen ánimo de lucro e que concentra a xente do Morrazo pero tamén doutras comarcas, oferta cursos anuais de baile, canto, gaita, percusión, acordeón e pandeireta.

-Un recoñecemento máis, esta vez en forma de galardón, que recibe Lembranzas da Ría.

-Agradecemos o recoñecemento polo traballo de 31 anos, pero non só vivimos dos premios. Aínda así, son un apoio para que a xente siga traballando.

-Reclama máis axudas institucionais?

-Os apoios ás asociacións culturais en Cangas son mínimos, sempre por razóns diferentes. Para vivir precisamos máis axudas, xa sexan subvencións ou colaboracións para sufragar os gastos que temos.

-Cales son as vías de financiamento actuais?

-Principalmente dúas: as cuotas dos alumnos dos cursos e por outro lado as actuacións. De aí obtemos o "beneficio", que non é tal. Temos que manter o noso patrimonio (roupa, locais...). Se ben é certo que o Concello cede algunha instalación municipal e é de agradecer.

-Dende que vostede é director da asociación, como foi a evolución no relativo a volume de integrantes e cursos que se imparten?

-As escolas foron creadas no ano 1995, pero por falta de infraestructuras non tiveron continuidade. No 2006 conseguimos un local de ensaios e as actividades xa puideron ter unha maior continuidade. Agora mesmo, temos entre 160-180 alumnos, máis grupos e máis actividades.

-Que actividades de promoción realizan dende Lembranzas da Ría para seguir sendo un reclamo na vila?

-Na asociación temos actividades propias de dinamización como o magosto e un festival infantil. De cara fóra ás veces visitamos colexios e en colaboración co Concello organizamos propostas para a ludoteca. Por último, co grupo de baile participamos de xeito activo en plans da Diputación de Pontevedra ou coa Asociación de Gaiteiros, entre outros.

-De cara ao futuro, algún proxecto?

-Estamos traballando nun novo espectáculo con distintas asociacións e grupos de Cangas. Esperamos estrear o próximo ano, polo que xa iremos dando máis detalles.

Compartir el artículo

stats