Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Manuel Graña, crego e mestre de xornalistas

Doutorouse en Teoloxía en Roma, estudou Xornalismo en Nova Iorque e impulsou a Escola de Xornalismo da Igrexa

A rúa Manuel Graña, á altura da taberna O Jefe, coa placa da casa onde naceu . Foto de Andrés R. Lemos

Manuel Graña González naceu en Cangas o 13 de decembro de 1878, no número oito da antiga rúa dos Álamos e que hoxe leva o seu nome. Estudou para crego e foi tamén xornalista, profesor e escritor.

Graña realiza a carreira sacerdotal doutorándose en Teoloxía en Roma. Estuda xornalismo na universidade Columbia de Nova Iorque e realiza moitas viaxes polo estranxeiro dominando varios idiomas o que lle permite facer traducións e adaptacións de libros e artigos do inglés.

Entrou de moi novo a traballar coma redactor en El Debate de Madrid, xornal dirixido por Ángel Herrera e que tiña a José María Gil Robles como subdirector. Crearon en 1926 a primeira Escola de Xornalismo da Igrexa con Manuel Graña como profesor, autor do primeiro tratado en español sobre o ensino do xornalismo e profesor do Curso de Redacción co que se iniciou a Escola de El Debate.

Pasados os anos aquela escola foi ampliando os estudios dando lugar ao Centro de Estudos Universitarios dirixido agora pola Comisión Episcopal para defender os intereses da Igrexa Católica Española. É actualmente a Universidade San Pablo-CEU, que conta con máis de 2.000 alumnos na Facultade de Ciencias da Comunicación.

No 1930, o presbítero cangués publica "La Escuela de Periodismo. Programas y métodos", un manual que recollía os métodos de ensino empregados en distintas universidades dos Estados Unidos. No capítulo dedicado á reportaxe leemos: "Desde o primeiro día o alumno debe empezar as súas prácticas de redacción á maneira de futuro xornalista, partindo sempre de novas e de feitos concretos".

Suxería unha batería de oitenta temas que "podía estendela ata o infinito" para que os mozos fosen afinando os seus dotes de observación e curtindo as súas plumas. O último deles era precisamente o titulado "Salgo de viaje" porque Graña era unha persoa moi viaxada, con moitas inquedanzas xornalísticas, relixiosas e mesmo político- sociais. Será por iso polo que os seus alumnos daquela primeira escola de xornalistas de 1926 da que Graña foi profesor viven escindidos entre dúas vocacións: xornalistas ou alcaldes.

Foi asesor do Sindicato Nacional da Pesca, traballou como profesor de inglés nun instituto madrileño, no xornal Ya, no Ideal Gallego da Coruña e na revista España Pesquera. Durante a contenda Civil foi cronista da guerra co grado de Tenente provisional.

Ten publicado varios libros: "Los días de Chicago," serie de artigos que recollen a súa experiencia nos Estados Unidos; "¿Qué debe España a los religiosos?", con artigos sobre o problema relixioso que se debatía nas Cortes e o citado "La Escuela de periodismo" foi o que lle dou máis sona.

Pola súa iniciativa fundase o Centro de Alimentación e Ensino. Tamén axuda á creación da Confraría de Pescadores de Lourizán, polo que foi homenaxeado en 1951, falando na súa honra Sánchez-Cantón.

No libro "Mares y peces" (1953) publicou unha serie de estudos sobre a fauna mariña. No capítulo titulado "Unha noite ao xeito" narra as dificultades das lanchas no regreso ao porto. O protagonista é o seu tío, un patrón de pesca moi experimentado do barrio do Sinal, Manuel Graña Agulla (Pesqueite). Manuel Graña foi tamén o autor da letra do Himno ao Cristo do Consolo.

Foi nomeado Xornalista de Honra na Asemblea da Federación de Asociacións da Prensa celebrada en Córdoba en 1963. Opinaba que "leer y escribir a toda presión es cosa de periodistas como de ningún intelectual".

Por acordo do Concello de Cangas foi nomeado Fillo Predilecto da vila dándolle nome a unha rúa. Posteriormente colocaron un busto seu na Alameda. Unha placa na casa natal (hoxe taberna O Jefe) e os libros por el escritos son as lembranzas que quedan na súa vila natal. Manuel Graña faleceu en Madrid o 28 de novembro de 1963.

*Membro de A Cepa e familiar de Manuel Graña

Compartir el artículo

stats