A inscrición que bordea o tímpano da fachada principal da igrexa histórica de Moaña, despois de sinalar en latín que se consagrara baixo o padroado de San Martiño, San Emiliano e San Bricio, remata coa seguinte frase: ARIAS FECI, co significado de que un home apelidado Arias, esculpido na pedra do propio tímpano, foi quen a mandou facer. Pasados varios séculos sen coñecerse nada del, un privilexio real asinado en Coimbra (Portugal) o 31 de xullo do ano 1184, escrito tamén no idioma latino e clasificado recentemente no Archivo Histórico Nacional de Madrid, da conta que: Fernando II dona a Fernando Arias varias heredades situadas en Sabaceda y en Morrazo con todos sus derechos.

O privilexio describe a este personaxe residente no daquela casal, hoxe barrio, de Sabaceda dependente do Morrazo, porque Moaña aínda non existía como entidade poboacional, recibindo do rei de León e Galicia varias herdades nese mesmo lugar e nos seus arredores; malia que non especifica a extensión nin as lindes porque moitos dos seus datos están borrados, de seguro trátase de amplas superficies de terreos dos chamados de realengo (pertencentes á realeza). O documento, moi estragado, denomínase privilexio rodado porque nel aparece un signo real redondo no que se pode ler: Signum Fernandi regis Hispaneis (Signo de Fernando, rei dos españois) que representa a máxima autenticación das propiedades doadas polo monarca.

Dedúcese deste importante documento que Fernando Arias gozaba dun amplo patrimonio que lle deu para mandar construír a igrexa de San Martiño poucos anos despois de tomar posesión das propiedades reais pois, os expertos en arquitectura sitúan o remate do templo na década final do século XII. A contrapartida que obtivo Arias do arcebispado compostelán foi a de ostentar en vida, e despois de morto transmitirllo aos sucesores, o dereito de padroado e presentación dos seus abades, seguindo a norma dos pasados séculos: Abadaba quen fundaba.

Non se atoparon máis testemuñas escritas do século XII polo que se descoñece o ano exacto en que foi rematada a igrexa e quen foi elixido como seu primeiro párroco; por tal motivo hai que recorrer a un documento do XIII, depositado tamén no Archivo Histórico Nacional para decatarse que un familiar do personaxe, chamado tamén Fernando Arias, xuntamente co seu irmán Paio asina o 2 de abril de 1232, cando pasaran 48 anos dende o privilexio, unha escritura de doazón ao mosteiro de Armenteira. O Archivo Histórico Nacional resúmena así: Fernando Arias dona al monasterio de Sta. María de Armenteira la mitad de la heredad y derechos que poseía junto a su hermano Pelayo en el casal de Sabaceda así como los derechos de las iglesias de San Martín de Moaña y de Lores.

O documento, escrito en latín, non se pode ler completo debido ao rompemento dalgúns anacos do pergamiño que o contén; por elo, aínda que menciona dúas veces á igrexa na que teñen dereitos os Arias, non se cita a San Martiño nin a Moaña; nunha anotación posterior feita polos frades de Armenteira xa a contemplan ambos no idioma galego o que demostra que en 1232 estaba o templo aberto ao culto, dirixido por un abade presentado pola familia Arias que ademais ostentaba o cargo de reitor da recentemente creada Freguesía de San Martiño de Moaña, asimilada aos fillos da igrexa moañesa que vivían no casal de Sabaceda e noutros casais e aldeas do Morrazo próximos ao templo.

Cinco anos despois, no día 26 de decembro de 1237, os dous irmáns asinan unha nova escritura que comeza deste xeito, logo de traducila do latín ao galego:

No nome de Deus Fernando Arias presbítero de San Martiño de Moaña (en latín Moania), a vos abade D. Sancho e ao convento de Santa María de Armenteira dou catrocentos soldos que prestei sobre as herdades que delas teño....

Este cura, aínda que procedía de Sabaceda, como o resto da familia, era párroco de Gargantáns preto de Moraña e, nese cargo, cede tamén a dito mosteiro

... todo o que me pertence na mesma igrexa [a de San Martiño] entre meus irmáns da nosa herdanza.

... por remedio da miña alma e dos meus pais por sempre para que diso teña o convento unha comida o día de Nadal...

A importancia deste segundo documento do século XIII radica en que nel constátase documentalmente, sen ningunha dúbida, a existencia da igrexa de San Martiño de Moaña e por tanto a da súa freguesía a cal, dende o ano 1964, dividiuse en dúas parroquias eclesiásticas, a matriz de San Martiño e a da Virxe do Carme.

Ata o de agora, non apareceron máis documentos sobre a familia moañesa dos Arias pois, no século seguinte eran os Eans, devanceiros dos Sres. do castelo de Soutomaior, os que posuían o padroado e presentación de abades no templo histórico moañés.

*Investigador de Moaña