Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Ángel Botello, pintor caribeño

Formouse en Francia e viviu en Porto Rico, onde morreu en 1986, pero nunca deixou de sentir a chamada de Cangas

Botello no seu estudo na Habana. 1943.

O pai de Ángel Botello traslada a empresa de Cangas a Vigo onde, morre vítima da epidemia de gripe de 1918. Ángel estuda na escola primaria do colexio Bella Vista e o bacharelato no colexio La Molinera rexentados polos xesuítas. Ao non conseguir administrar o negocio con éxito, a familia marcha a Francia. Botello inicia en Burdeos os estudos de Agricultura que abandona para ingresar na Escola de Belas Artes onde se forma en pintura e debuxo gañando premios e participando en varias exposicións colectivas.

Botello regresa en 1935 cunha bolsa da Deputación de Pontevedra para estudar na Academia de San Fernando. O mar tira del e visita a súa Cangas natal onde vivira de neno. O entorno inspíralle varias pinturas de estilo impresionista que titula Cangas. Son dous óleos sobre táboa onde aparecen as caleadas e pequeneiras casas mariñeiras (co ancho do remo da embarcación) e, noutro, a rúa da Faixa no antigo barrio do Costal. A superficie está traballada en pinceladas cortas con pigmento seco aplicado con brío e cunha suave luz que o ilumina todo.

En marzo dese mesmo ano, expón a súa obra no Ateneo de Vigo. O Faro dá conta do acontecemento: "Trátase dun pintor que, non obstante a súa mocidade, é posuidor dunha técnica segura e dunha paleta rica en colorido; pincelada firme, sen titubeos de principiante, e unha visión dos asuntos a tratar moi orixinal e moi persoal".

No inicio da Guerra Civil, Ángel Botello uniuse ao exército da República. Traballou na preparación de planos cartográficos no rexemento ao mando do xeneral Líster. Ao perder a guerra, a familia ten que marchar a Francia. Pasan algún tempo nun campo de refuxiados ata embarcaren rumbo ás illas do Caribe: República Dominicana, Cuba e Haití. "Nestas illas atopei importantes motivos para pintar, somerxido na cor e na luz, nesa cálida sensualidade que emana do ambiente, ... sempre soñei con pintar o Trópico, captar para o lenzo estas praias douradas e o mar azul, as negriñas de pel brillante, as teas polícromas..." Casa en Porto Príncipe, aos 31 anos, con Christianne Auguste e tiveron tres fillos: Manuel, Juan e Françoise.

O artista galego Eugenio Granell publica un artigo no xornal La Nación de Santo Domingo, na que escribe que a obra de Botello "é tropical na medida que foi pintada no trópico, pero pertence tamén ás brumas de Burdeos e ás campiñas galegas" No 1950 vai a New York onde pasa tres anos e volta a San Juan para vivir definitivamente en Porto Rico.

Montou unha innovadora Galería de Arte e interesouse polas pezas de imaxinería popular portorriqueña restaurando "santos de pau". Querendo difundir este traballo manual convidou aos artesáns locais a vender as súas obras. No 1960, trasladáronse a vivir a unha fermosa casa restaurada polo propio artista. Fundaron a galería Botello para expoñer, divulgar e promover no exterior a súa obra e a doutros artistas portorriqueños que na actualidade segue a ser unha das máis importantes do país.

Diagnostícanlle un cancro de pulmón. Traballa con afán na feitura de esculturas, lenzos e gravados. Segue adiante co proxecto da casa en Haití que non chega a rematar. Botello falece, en san Xoán de Porto Rico en 1986.

A Fundación Ángel Botello e o centro cultural Caixavigo organizaron (1995) unha exposición antolóxica da súa obra pictórica e escultórica que tamén se puido ver en Cangas. A sala de exposicións da Casa da Cultura dende aquela leva o seu nome grazas a proposta do artista cangués Camilo Camaño. Unha vitrina acolle, doado pola familia, un retrato da súa nai Bonis Barros de Aldán.

O noso agradecemento á viúva e aos fillos de Angel Botello por conservar e arroupar a súa obra e a súa memoria. Dende aquí, neste outono cedo de gaitas que xa chegou, acheguémonos aos cadros caribeños cálidos e sensuais do cangués Angel Botello, cheos de luz e de calor para que nos quezan e nos axuden a pasar o inverno que xa está á portas.

(*) Membros de A Cepa

BIBLIOGRAFÍA:

Botello. Exposición Antolóxica. Centro Cultural Caixavigo/Fundación Ángel Botello Barros. 1995

Isaac Díaz Pardo. A dinámica histórica que condicionou a arte do galego Ángel Botello. 1995

Eugenio Fernández Granell, crónica no xornal La Nación. R Dominicana, (1942)

Páxina Web: http://arqueoloxico.com/cgi-bin/weblog_basic/index.php?p=1456

Compartir el artículo

stats