Os letreiros que anuncian en castelán distintas instalacións e servizos no casco urbano e a periferia de Cangas teñen os días contados se prospera a medida anunciada polo concelleiro de Normalización Lingüística, Héitor Mera, que ten previsto cubrir os sinais con vinilos en idioma galego. O edil asegura que se trata da solución "máis económica e viable", pois o Concello carece de medios económicos suficientes para instalar novos paneis e os resultado serían semellantes. Os traballos de sustitución comezarán a vindeira semana, segundo as súas estimacións.

Por outra banda, Mera mantivo esta semana unha reunión co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, ao que lle trasladou a conveniencia de promover un servizo de normalización lingüística a nivel comarcal e que sexa estable, "para non depender dos bolseiros de turno". Cre que esa fórmula de compartir medios entre municipios veciños -o plan de axuste limita a súa capacidade inversora- permitiría aforrar custes e garantizar o servizo.

Divulgación científica

Asimesmo, Héitor Mera barallou co secretario xeral a posibilidade de reforzar as actividades de Rede de Dinamización dos Concellos, así como instituir un premio de divulgación científica en lingua galega. Unha idea innovadora, por canto xa abundan certames que premian a creación literaria, e que foi recibida con "bastante entusiasmo" por Valentín García.