Con distintas palabras, os discursos de todos os oradores coincidiron na conveniencia de ver menos para fóra, ás veces mesmo con certo complexo de inferioridade, e aproveitar o que hai na casa, que a miúdo supera ao foráneo. Por iso cómpre sensibilizar aos cidadáns, comezando polos membros das comisións de festas que teñen nas súas mans a elaboración dos programas. Moitos deles, de distintas parroquias e barrios dos concellos morracenses, estiveron no acto de onte para tomar nota deses consellos que lles deron os rexedores e concelleiros reivindicando a galeguización das verbenas, así como o secretario xeral de Normalización Lingüística, Valentín García, ou Xosé González, presidente da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG), que se encarga da organización de "Mil festas máis para a lingua galega".

Con propostas coma esta, o colectivo quere que tanto comisións de festas coma concellos incorporen aos programas, ainda que non de forma excluínte, aqueles elementos definidores da cultura local para recuperar e poñela en valor, facendo que os festexos sexan máis participativos. Así o entende tamén o Concello de Cangas, acollendo esta iniciativa nun acto que comezou ás oito e media da tarde e que rematou dúas horas máis tarde, despois de que a orquestra de folk SonDeSeu ofrecera un exitoso concerto ao que tivo que engadir varios bises por abrumadora petición do público, que no se cansou de eloxiar a actuación.

Formación de calidade

SonDeSeu foi presentada como a primeira orquestra folk de Europa, está formada por máis de medio centenar de músicos que se erixiron nos últimos anos coma un dos grupos galegos máis relevantes. Nacida no ano 2001 na Escola de Artes e Oficios de Vigo, conta con varios traballos publicados e forman unha combinación arriscada poñendo sobre o escenario instrumentos construídos en Galicia por artesáns. Na dirección do grupo atópase o arpista por antonomasia de Galicia, Rodrigo Romaní.