Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Dona Asunción, a mestra de Coiro do século XX

Era natural dun pobo de Zamora e en 2016 cúmprese un século da súa chegada a Coiro, con apenas 25 anos

Unha reunión de mestras de Cangas: dona Asunción é a primeira pola dereita, sentada (cara 1970).

Obdulia Asunción Pacheco Navas, a filla pequena de don Marcelino, o mestre de Malillos de Sayago, nace o 10 de agosto de 1891 nese lugar de 300 habitantes no concello de Pereruela a 28 quilómetros de Zamora.

Dª Asunción chega a Coiro en 1916 rematados os estudos de Maxisterio ao aprobar as oposicións en Santiago. Os seus pais faleceran en Zamora e o seu irmán Anastasio está destinado na provincia da Coruña. Ao pouco, Anastasio casa coa filla do mestre de Coiro, don José Rodriguez e vén destinado á escola de Meira en Moaña. Dª Asunción solicita a escola de nenas de Coiro que se vai converter no destino definitivo de toda a súa carreira profesional.

Dª Asunción Pacheco é a máxima expoñente da educación feminina na parroquia de Coiro pois foi a primeira mestra da escola pública. Empezou a vivir no lugar do Cruceiro con empregadas ao seu servizo: Anuncia, Celia Canabal, Carme (a Paquita) que lle axudaban nas tarefas da casa ao igual que as súas sobriñas Otilia e Dolores (Lolita) con quen viviu máis tempo.

Dona Asunción con 24 anos chega a Coiro e incorpórase ao labor educativo na parroquia. Foi sempre unha muller moi seria e unha mestra severa e firme, pero que case que nunca se enfadaba. Todas lle tiñan moito respecto. Así a lembran as que foron as súas alumnas, con moito agarimo. "Un día enfadouse moito por derramarmos un tinteiro de tinta pola mesa. Con ela aprendemos a confeccionar alfombras de esteiras".

O local da escola era onde hoxe está o Centro Cultural e daba as clases en xornadas de mañá e tarde, de luns a sábado. "Os únicos materiais que tiñamos eran a pizarra de lousa co seu pizarriño e o pano para limpala; o tinteiro e as plumas que se esgallaban a cada pouco" - lembraba Asunción Fandiño, unha das moitas asuncións que hai na parroquia. "Os dous libros nos que estudabamos eran os da Enciclopedia Álvarez de 1º e 2º graos, e algúns outros manuscritos de lecturas variadas e con distintos tipos de letras. As mesas eran para cada dúas alumnas e detrás da mesa da mestra estaba o encerado negro e o crucifixo pendurado no medio da parede. No mes de maio facíamos un altar á virxe María no lado dereito da aula e traiamos flores para adornalo".

Tiña moitas alumnas e, ás veces, contaba coa colaboración da súa sobriña Otilia Sanjuán. A súa escola figuraba con 70 nenas matriculadas no 1924 e que chegaron a 97 catro anos despois. Daquela o soldo das mestras era cativo polo que puña clases na pública polo día, e de pago pola noite. Unha vez xubilada, seguiu a impartir clases en Romarigo.

Foi a madriña de varias das súas alumnas e veciñas da parroquia, que levarán o seu mesmo nome pola relación tan familiar que acadaron coa mestra. Agora xa sabemos o por qué en Coiro hai tantas mulleres que levan o nome de Asunción.

Dª Asunción pertence dende 1916 á Asociación Provincial de Mestres de Pontevedra. En agosto de 1936 ábreselle un expediente por parte da Comisión Depuradora de Maxisterio de Pontevedra pero é confirmada no cargo por observar unha boa moral cristiá e unha boa conduta profesional. Fan constar na ficha da inspección que simpatizaba coa CEDA, partido político de dereitas. Tamén informa o párroco don Manuel Vivero que Dª Asunción Pacheco é a mestra nacional de Coiro máis antiga e que ten boa conduta profesional, relixiosa, social e particular.

En xaneiro de 1927 Dª Asunción promove unha recollida solidaria para recadar diñeiro con destino á creación da Cidade Universidade e Hospital Clínico de Santiago. A Escola de Nenas de Coiro aportará a cantidade de 5,50 ptas.

Participa da actividade da Xunta Local de Primeiro Ensino no ano 1931 xunto a Gumersindo Gastiosoro Ruiz como mestres da zona.

O Día do Mestre do ano 1961 en Cangas vai ter como grande protagonista a Dona Asunción. Tras a misa, un xantar de Irmandade, organizado polos mestres Don Timoteo García e Don Manuel Hermida, celebrará a súa xubilación aos 70 anos.

A Corporación Municipal en sesión plenaria de 27 de outubro de 1977 acordou solicitar ao Goberno a concesión dunha condecoración. Foille concedido o Lazo de Dama da Orde de Afonso X o Sabio. A mestra faleceu en Coiro dous anos despois o 26 de marzo de 1980, á idade de 88 anos.

Rematamos citando a José Antonio Marina: "Aos adultos invádenos moitas veces o desalento diante do futuro, un certo cansazo do porvir. Entón deberíamos lembrar a figura dos mestres, profesionais da esperanza, incansables, humildes e magníficos coidadores do futuro". Como Dª Asunción na parroquia de Coiro durante tantos anos. Así fará a asociación Cacarexo que prepara unha serie de actos de homenaxe no centenario da súa chegada en 1916 á parroquia de Coiro.

*Membro de A Cepa e mestre

Compartir el artículo

stats