Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Couto de Meira: a demanda dun concello propio

O 28 de outubro de 1835, 55 veciños da parroquia de Santa Eulalia piden "la formación de Ayuntamiento propio"

Foto antiga de Meira, coa igrexa ó fondo, no ano 1914. // Asociación Cultural Nós

Os concellos, da forma que hoxe os coñecemos, teñen a súa orixe na Constitución de 1812, e máis concretamente nos seus artigos 309 e 310; falábase daquela de arranxar o goberno interior das poboacións "generalizando los Ayuntamientos en toda la extensión de la Monarquía bajo reglas fijas y uniformes..."

Porén, as circunstancias políticas vividas en España durante o reinado de Fernando VII impediron o desenvolvemento e a aplicación dos preceptos establecidos polo texto de Cádiz, que supoñían unha nova organización dos gobernos locais e dos seus territorios. Os concellos constitucionais que se foron deliñando case non tiveron tempo de se instalar, pois o R.D. de 4 de maio de 1814, declarando "nula y sin ningún valor" a Constitución de 1812 supuxo a volta na orde territorial ó Antigo Réxime e ós dereitos señoriais.

Coa nova entrada en vigor da Constitución de Cádiz durante o trienio 1820-1823 e a lexislación xurdida ó seu achego, os concellos adquiren maior protagonismo. Na provincia de Vigo, nacida trala división provincial de Galicia en 1822, existían en outubro dese mesmo ano 153 concellos, segundo estudos de Xosé Fariña Jamardo; entre eles o concello de Meira. Todos foron defenestrados polo Decreto de 1 de outubro de 1823, que restablece unha vez máis o sistema de organización territorial do Antigo Réxime de coutos e xurisdiccións como formas de goberno local.

A publicación do R.D. de 23 de xullo de 1835, "para el arreglo provisional de los Ayuntamientos del reino", abre o camiño definitivo para os concellos constitucionais que, pese á súa curta vixencia nos dous períodos liberais 1812-1814 e 1820-1823, deixaron a súa pegada na sociedade galega. As exposicións e pedimentos dos pobos da agora provincia de Pontevedra, demandando concello propio, non se fan esperar. Os veciños da parroquia de Santa Eulalia, do couto de Meira, que xa tiñan vivido tal experiencia, reivindican a renovación do seu concello; dereito que lles é denegado polo xuíz de Cangas. Ante esta prohibición reúnense co escribán e tres testemuñas, o día 28 de outubro de 1835, para formalizaren a petición en demanda de concello propio, conforme ó disposto no R.D. antes mencionado. Os alí presentes, 55 veciños de Meira, coas autoridades do couto á fronte, asinan un documento outorgando un poder mediante o cal se autoriza a José da Costa e Francisco Nogueira Riobó para que, en nome e representación do pobo de Meira, "soliciten la formación de Ayuntamiento propio en este antiguo Coto, como es la voluntad general de sus vecinos". Os nomeados para esta xestión han dirixir a solicitude ó Sr. Gobernador Civil da provincia no termo do presente mes de outubro. Con este documento, que xustifica a vontade xeral dos veciños de Meira de constituírense en concello e mais a designación dos dous representantes, ós que se habilita para que "practiquen todas las diligencias judiciales y extrajudiciales que se requieran y sean precisas haciendo voz y acción de la población", cumpríanse os requisitos expostos no Boletín nº 81 do Goberno Civil (BOPP de 10 de outubro de 1835) sobre a formalización das peticións en demanda de concello propio, en relación co disposto no artigo 4º do R.D. de 23 de xullo de 1835.

Pero aínda que os veciños de Meira baseaban a súa demanda no disposto polo citado Decreto, "que dispensa a los pueblos que lleguen a cien vecinos la formación de Ayuntamiento, compuesto de un Alcalde, dos Regidores y un Procurador del Común", non só fundamentaban tal petición na graza concedida por esta resolución ditada polo Goberno, "sino en las sólidas razones que amparan a este vecindario, compuesto de muy cerca de doscientos vecinos, que desde tiempo inmemorial conservaron Jurisdicción insolidum y Ayuntamiento en las dos épocas del sistema constitucional". Argumentan, así mesmo, a súa oposición á pretensión do xuíz de Cangas de querer a incorporación desta parroquia a aquel concello.

Así se fai constar no "Poder de los vecinos de Meira en solicitud de Ayuntamiento en dicho Pueblo", que outorgan e asinan ante o escribán Juan Antonio Carrera, actuando como testemuñas Francisco Vilariño, de Moaña, Benito Alonso, de San Miguel de Oia e Juan Benito Bouzón, de San Pedro de Cesantes.

Nunha relación datada o 1º de abril de 1836, que o Gobernador Civil de Pontevedra, D. Miguel del Pino, lle envía ó Contador Principal de Propios figura o concello de Meira. Vai figurar igualmente o concello de Meira, composto polas parroquias de Meira, Domaio, Moaña e Tirán, na "Nueva Planta de los Ayuntamientos constitucionales de esta provincia", publicada no BOPP de 30 de novembro de 1836, cuxa aprobación pola Raíña Gobernadora queda confirmada pola R.O. de 8 de febreiro de 1837. Sábese que a súa sede estivo en Pazorredondo (O Pombal). En novembro de 1874 decídese o seu traslado a Moaña.

*Profesor de Historia e veciño de Meira

Compartir el artículo

stats