Mil festas máis para a lingua galega, a festa organizada pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG) e o Concello de Cangas, chega ao auditorio municipal de Cangas este sábado 31 de outubro ás 20:30 horas.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia quere, con propostas coma esta, que tanto comisións de festas coma concellos incorporen aos programas aqueles elementos definidores da cultura local para recuperar e poñer así a súa posta en valor, facendo que os festexos sexan máis participativos. Así o quixo facer o Concello de Cangas, incorporando dita iniciativa este sábado no auditorio. A festa, neste caso, correrá a cargo da orquestra de folk SonDeSeu.

Ao acto deste sábado acudirán o alcalde de Cangas, Xosé M. Pazos, así coma o concelleiro de Cultura, Héitor Mera, quen xa adiantou que haberá unha declaración reivindicando a galeguización das nosas verbenas. Estarán tamén Félix Juncal e Leticia Santos, rexedores de Bueu e Moaña respectivamente. Adxúntase a este arquivo o cronograma do acto.

SonDeSeu

É a primeira orquestra folk de Europa, formada por un grupo de 53 músicos que se erixiron nos últimos anos coma un dos grupos galegos máis relevantes. Forman unha combinación arriscada poñendo sobre o escenario instrumentos construídos en Galicia por artesáns.

Nada no ano 2001 na Escola de Artes e Oficios de Vigo conta actualmente con varios traballos publicados. Na dirección do grupo atópase o arpista por antonomasia de Galicia, Rodrigo Romaní.