Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

O Vilas, esmoleiro de Darbo

Era habitual velo pedindo nas escaleiras do mercado; nunha ocasión agochouse entre os Apóstoles da Mesa na igrexa

Falan de que buscou aventura fóra. Casou e embarcou no País Vasco, nos anos setenta, pero foille mal e volveu un pouco deteriorado de saúde. De novo no seu Darbo natal facía un changüí coa venda de limóns que lle daban as veciñas ou dos que nacían ventureiros nas beirarrúas e que Vilas recollía con disimulo xa que de neno fóra moi pillo para andar ao corso. Os limóns vendíaos nos bares de Cangas porque como dicía Serafín naquela época tomábase moito "Chin-tónic". Contan que nunha ocasión botoulle a man a un pavo que estaba fóra do eirado dunha casa veciña. Cachárono con el no colo; pero Vilas era un home sen complexos e devolveuno: - Eu pasaba por aí e oín ao pavo que me dicía -cólleme, cólleme. E eu collino, pero si é seu, tome! Así era o Vilas.

Era habitual miralo sentado nas escaleiras do mercado a pedir esmola. Alí recollía as moedas de pouco valor, aquela ferraxe que as persoas maiores xenerosas lle deixaban aos seus pés nunha caixa de farias da fábrica de tabacos da Coruña. E no tempo do magosto vendía castañas asadas nunha tarteira na Estación Marítima que nos quentaban naquelas tardes do outono.

Gustáballe moito o fútbol. Era habitual velo no partido dos rapaces no campo de Massó , no do Alondras ou do Celta en Balaídos. E, si podía e o deixaban, facíase unha foto cos xogadores e os directivos. Nunha ocasión xogaba o equipo xuvenil do Moaña C.F. no campo do Couto contra o Ourense. Empeza o partido e escoitase un berro: -MOAÑAAAAA!!! Era O Vilas que se colara ao campo para saudar e animar aos xogadores moañeses.

Pero o que máis lle gustaba era subir ao palco coas orquestras na Romaría de Darbo. Case que sempre o facía con dúas cunchas de vieira para acompañar aos músicos nos seus acordes alá polas tres ou catro da mañá cando a festa andaba de remate e os músicos aproveitaban para relaxarse un pouco. Vilas co revoltallo das dez de últimas pasaban uns momentos divertidos.

Contan que nunha ocasión en plenos oficios da Semana Santa, estaba o cura predicando na igrexa de Cangas e O Vilas andaba polo medio da xente molestando e importunando. O párroco, don Jesús Barreiro trataba de levalo; pero a cousa non paraba e entón algún fregués chamou pola Policía Local. Achegáronse até a igrexa buscando ao Vilas, con certo disimulo, pero non o atoparon.

Remataron os oficios e a xente foi baleirando paseniño a igrexa momento que os policías agardaban, cada un na súa porta, intentando albiscar a saída do Vilas para enganchalo e berrarlle; pero o Vilas non saíu. Entraron os Municipais no templo e non o deron atopado. Coma era costume, os pasos estaban todos nas súas andas no lateral da igrexa. E, entre eles, o da Mesa dos Apóstolos. O Vilas non aparece e un dos policías ten a ocorrencia de contar os presentes na mesa. E conta: -un, dous, tres, catro,... e chega a doce (os apóstolos), trece (Xesús) e catorce. Entón dáse conta: -Vilas, sal de aí anda. E o Vilas coa súa fraca figura e as barbas afiadas, sae do medio dos Apóstolos na mesa da Derradeira Cea onde se escondera.

Vilas sempre tivo bo carácter. Quería ser amigo de todo o mundo especialmente dos Municipais. Era de moi pouca comida. Gustábanlle moito as lambouradas, as cousiñas de comer doce, para tirar a lareca. Era habitual miralo co seu pitillo nunha man e co "botellín de San Miguel" na outra. Dicía Pepe Poeta que ten dedicado vida e versos aos desfavorecidos que O Vilas "tiña mil enfermidades/ que pouco lle importaban/ con roupas extravagantes/ e verbas moi axeitadas".

Pepe Vilas morreu con 52 anos no 1998. Ao Vilas témolo na memoria. Hai que velo nas fotografías que conservamos, nas escaleiras da praza, coa gorra ben posta na cabeza, a mirada limpa e intensa e na man o quinto de cervexa que tanto gorentaba. Que o arcanxo San Miguel o teña da súa man tanto coma o Vilas a tivo a El na súa!

(*) Membros da Asociación Cultural A Cepa

Compartir el artículo

stats