A Asociación Queremos Galego Marín organiza para mañán un magosto no que repartirá 100 quilos de castañas asadas de balde entre todas e todos os asistentes. O magosto que terá lugar na Praza do Reloxo a partir das 16:30 horas é o terceiro que realiza esta asociación desde a súa fundación, tornándose nunha xornada festiva imprescindíbel na que a lingua, as castañas, os xogos populares e a música son as protagonistas. O magosto é unha das manifestacións máis xenuínas da nosa cultura na que a castaña recupera o protagonismo e a importancia que o millo e a pataca lle foron roubando nos últimos séculos, á vez que reforza os vínculos comunitarios nunha época onde o que parece primar é individualidade. Para este magosto alén de contarmos coa colaboración da Concellaría de Cultura, contaremos coa axuda da Asociación Gharaboto quen animará a festa cos seus xogos populares: Billarda, petanca, a rá, os aros, as botellas. A festa estará tamén animada polo grupo Os de Marín, quen tocarán diversas pezas da música tradicional galega.