Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Moaña inicia unha campaña para fomentar o uso do galego nas actividades funerarias

Editará un manual con modelos para esquelas, lápidas e coroas mortuorias -O venres haberá un acto para facer testamento público do emprego da lingua tras o falecemento

O cemiterio de Domaio é o da vila con maior proporción de lápidas en galego. // Gonzalo Núñez

Sacar ó galego da situación marxinal na que vive dentro das actividades funerarias e darlle unha certa visibilidade na despedida dos seres queridos. Eses son os principais obxectivos que persegue o Concello de Moaña coa posta en marcha dunha campaña para fomentar o uso da lingua propia no sector funerario, e máis concretamente no que se refire ás esquelas, ás lápidas e ós servicios de floristería.

A iniciativa vén auspiciada dende a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística e asumida polo goberno local moañés, que presentará a próxima semana unha serie de actos destinados a impulsar a utilización do galego nesta parcela practicamente sen explotar para a lingua autóctona. "A proposta xorde dunha anomalía clara que vemos. Hai unha porcentaxe mínima de esquelas en galego, mesmo inferior ó uso que facía a xente que morreu. É curioso que moitas veces se despide ós seres queridos nunha lingua diferente á que usaban habitualmente", afirma o concelleiro de Facenda e Normalización Lingüística de Moaña, Aldán Santamarina. "Por defecto todas as empresas do sector empregan o castelán salvo que a familia pida expresamente o galego. E nós queremos que por defecto se use o galego salvo, obviamente, que os familiares desexen outra cousa", asegura o edil.

A primeira das iniciativas será a elaboración de "En galego para sempre", un manual destinado a floristerías, marmorerías e empresas funerarias no que se facilitan modelos de esquelas, e de textos para lápidas e coronas mortuorias. "Sabemos que moitas das reticencias no uso do galego parte das empresas, que ven que non teñen coñecementos suficientes", explica Santamarina. O libro será presentado o xoves 22 ás 20.30 horas no salón de plenos do Concello e baséase en obras anteriores de Jesús Ferro Ruibal, do Concello de Burela o do grupo cangués "Pasamento Laico". Ademais, engade o edil moañés, "tamén ofrecemos os servizos de normalización lingüística do Concello por se as empresas teñen dúbidas".

O segundo punto que se tocará será o venres 23 ás 20.30 horas cun acto colectivo da sociedade moañesa na que os que o desexen poderán facer un testamento público para que se use o galego nos servizos funerarios cando morran. A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e o exfiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela exercerán como testigos dos testamentos rubricados. No acto recitarán textos os actores María Salgueiro e Salvador del Río.

Por último, o próximo sábado pola mañán descubrirase unha placa no cemiterio de Domaio "na honra das persoas que alí xacen, porque grazas a elas Galicia segue a ter lingua e cultura de seu". A razón de elixir o camposanto de Domaio é porque é o que proporcionalmente ten maior número de lápidas en galego de todo o Concello, aproximadamente un 10 por cento. Asimesmo, apunta Santamarina, "tamén é un nos que o galego ten maior presenza, tendo en conta que a media de lápidas en galego na comunidade ronda o 1 por cento".

Compartir el artículo

stats