Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os catro escudos da igrexa de San Martiño de Moaña

O investigador Manuel Uxío García aporta un traballo sobre a orixe dos emblemas do campanario do templo moañés

O do nordeste. // M.U.G.B.

Era costume de aristócratas, fidalgos, mosteiros e da alta xerarquía eclesiástica construír igrexas, capelas, retablos, etc., pola súa conta, deixando neles os seus escudos para perpetuar a súa liñaxe neles; tamén os poñían en certos edificios relixiosos como as capelas dalgúns pazos, cuxa propiedade sustentaron. Na actualidade todos están xestionados pola xerarquía eclesiástica.

Son moitos os exemplos de escudos que se engadían nos muros de catedrais, capelas e templos históricos, resultando moi representativo o da familia Mondragón que se encontra na igrexa de Coiro. Deste xeito sublíñase a súa orixe nun documento do século XVIII, procedente do mosteiro de Poio ao que, nese tempo, pertencía o desaparecido cenobio de Ermelo: "Donación Real del Sr. Conde D. Ramón e infanta Dª. Urraca era in solidum de esta Casa, Y pagaba yantar y muy grande patronazgo de pan y vino. Apoderáronse los Mondragones de este beneficio y están en posesión sin reconocer cosa alguna. Y fue la causa que esta Casa presentó este beneficio en un Juan de Mondragón, canónigo de la Sta. Iglesia de Santiago que, como era antes del Concilio (de Trento) se permitía todo. Este canónigo como era poderoso y la Iglesia de Coiro era vieja y se caía, reedificola a fundamentis y puso su (escudo) de armas: Levantose de pagar el patronazgo; los abades se descuidaron y así quedaron apoderados con posesión casi inmemorial".

Trátase dunha das moitas doazóns reais feitas no século XII ao mosteiro de Ermelo por monarcas; neste caso, pola raíña Dª.Urraca e o seu primeiro marido, o conde D. Ramón de Borgoña que pasou, do xeito sinalado á familia Mondragón, responsable da reconstrución do templo de San Salvador .

No caso da igrexa de San Martiño de Moaña, mandada construír a finais do século XII por un membro da familia Arias, unha das máis importantes do Morrazo naquela época, non hai constancia de que puxeran ningún escudo, a non ser que estivera na ábsida románica que se botou abaixo en 1763 para alongar o templo.

Non obstante, en 1760 as tres entidades perceptoras dos décimos e primicias procedentes dos labregos moañeses: Párroco de San Martiño, Cardeal Besi de Santiago e Universidade Compostelán, quixeron transmitirlle ao pobo, por medio de catro escudos, que foran eles quen correran cos gastos do novo campanario que, nun principio o arcebispo daquela, Gil Taboada pretendía que fose pagado conxuntamente pola igrexa moañesa e os seus fregueses, opoñéndose a elo o párroco, D. Francisco Antonio Tabares Saavedra, da familia fidalga do Rosal.

Da investigación dos anteriores datos na documentación parroquial depositada no Arquivo Diocesano de Santiago, dedúcese que cada escudo ten o seguinte significado: O da cara noroeste contén un báculo e, o que lle sigue na suroeste, unha mitra; ambos os dous símbolos da sé compostelán da que dependía o cardeal e a universidade de Santiago. Os outros dous conteñen cadansúas cruces do modelo TAU as cales, segundo describe Tommaso da Celano, biógrafo de San Francisco de Asís, (3 Cel 3): "La señal de la TAU era la preferida sobre toda otra señal, con ella sellaba Francisco las cartas y pintaba las paredes de las pequeñas celdas".

Trátase pois do terceiro pagador do campanario, o cura propio de Moaña, D. Francisco Antonio, devoto dos dous santos con cuxos nomes o bautizaron: San Francisco de Asís, fundador da orde franciscana e San Antonio de Pádua, que chegou a ser abade de dita orde; de ambos proceden as citadas cruces tipo Tau.

Os citados escudos, non deben dispoñer dunha adecuada sustentación pois, polo que parece, o simple tensado dun cable do pararraios derrubou ao da zona do sueste, con tan boa sorte que ao caer enriba dun canzorro da cornixa evitou que puidera alcanzar a algún rapaz dos que se atopaban xogando na base do campanario, aproximadamente ás cinco da tarde do sábado 10 de outubro, segundo se decatou un veciño que escoitou o choque do escudo contra as tellas.

Este é o motivo polo que a Asociación de Veciños San Martiño solicitou que, no intre de recolocar o escudo desprendido, fosen revisadas as sustentacións dos tres restantes e de calquera outro elemento do templo, especialmente da súa fachada, por si se detectan riscos de máis desprendementos.

*Investigador e veciño de Moaña

Compartir el artículo

stats