Á vista do escrito presentado pola Comunidade de Propietarios do Edificio Pintos o pasado día 6 de outubro de 2015, rexistrado co número 8339, o Concello de Bueu manifesta a súa solidariedade coas persoas afectadas pola demolición parcial do Edificio Pintos.

Antecedentes:

Durante os anos 80 e 90, o Concello de Bueu levou a cabo unha política urbanística totalmente contraria aos intereses públicos e absolutamente negativa para os intereses das persoas. Era habitual que por parte do Concello non se levase a cabo un control das obras realizadas, incorrendo en graves infraccións urbanísticas. Así mesmo, tampouco as licenzas eran revisadas, dando con iso lugar a graves situacións como a presenta que deriva dunha licenza mal concedida no ano 1986 e que nos leva ata a inminente demolición parcial que responde ao cumprimento da sentenza 1437/1990 do TSXG.

O alcalde e o equipo de goberno daquel entón mostraron unha evidente pasividade durante a construción do edificio ao non adoptárense as medidas oportunas para que non avanzase a construción, obviando os continuos escritos e recursos presentados pola parte denunciante e que derivaron no presente procedemento xudicial e na sentenza obxecto desta declaración.

Ese mesmo goberno tampouco adoptou as medidas necesarias que permitisen aos cidadáns e cidadás ter un coñecemento exacto e actualizado da situación de infracción urbanística na que estaba inmerso o edificio en construción, como podía ser a anotación preventiva no rexistro da propiedade.

Todo o anterior resúmese nunha mala praxe continua do Concello daquel entón por manter unha actitude relaxada, censurable, neglixente e imprudente que afectou non só ás vítimas do Edificio Pintos, senón tamén a outras que se viron prexudicadas ou seguen sufrindo as consecuencias deste comportamento irresponsable, lixando con el a imaxe da institución municipal.

Por todo o anteriormente exposto, o Concello de Bueu, como institución herdeira, censura o comportamento do Concello daquel entón, causante da actual situación, e PIDE PERDÓN aos propietarios de boa fe do Edificio Pintos afectados pola demolición parcial do edificio, así como a manifestación de todo o noso apoio e solidariedade para con eles. Así mesmo, sendo conscientes do dano infrinxido ás vítimas do Edificio Pintos, manifestamos o noso convencemento de que este perdón sirva tamén para resarcir do dano que se infrinxiu á institución municipal, e desexamos que a imaxe da mesma volva quedar limpa tras estas circunstancias nas que nunca debeu verse envolta durante estes vinte e cinco anos que leva o edificio ocupado.