"A saúde é o grao de benestar físico, mental e social cas persoas a coa sociedade nun momento determinado". Desa concepción parten as "Xornadas de educación para a saúde", que por decimosexto ano organiza a Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Benestar de Cangas a través do Centro de Información á Muller (CIM) e o Centro Municipal de Benestar Social (CMBS). Esta edición repártese entre seis obradoiros a celebrar entre o 20 e o 29 deste mes na planta superior do Auditorio, impartidos por especialistas nas diferentes materias.

"Movemento creativo", impartido por Maite Campos, abrirá o telón o vindeiro martes. "É un momento para explorar o noso movemento como xerador de enerxía, de vida", e terá continuidade o día seguinte. O xoves colle o relevo Tareixa Ledo Regal co obradoiro "Autocoñecemento para a saúde: o corpo da dignidade", que está dirixido a explorar "a relación existente entre as posturas corporais e as nosas emocións".

Para a seguinte semana están programados os tres obradoiros restantes. O martes 27, co título "A miña creatividade é...", impartido por Alberto Pena Rey, que se adentra na arteterapia desde a exploración individual da creatividade propia. O mércores 28 xurde unha proposta nova, a de Alfonso Solla, do Centro de Fisioterapia Nove, que impartirá un obradoiro de Qigong para mellorar a saúde física, mental e emocional. E Tareixa Ledo repetirá presenza nas Xornadas o xoves 29, daquela co obradoiro "Autocoñecemento para a saúde: Coidar e deixarse coidar", que procura o equilibrio como elemento de saúde, "potenciando a nosa familia afectiva e as relacións de do trato", sinalan.

Os obxectivos desta actividade son crear un marco de debate e reflexión sobre temas de saúde, ofrecer recursos informativos, fomentar a participación cidadá e hábitos favorables e respetuosos co medio ambiente e promover a igualdade na prevención, segundo destacaron o concelleiro Tomás Hermelo e o técnico Alberto Casqueiro, onte, durante a presentación do programa. As inscricións son gratuitas para todos os obradoiros no CIM (Rúa Andalucía, 3) ou a través do teléfono 986392268.