Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Ramón Ocaña, fotógrafo de Cangas do século XX

Deixou magníficas series de postais da vila e foi quen abriu o popular salón de baile El Danubio Azul

Vista de Cangas, colección Serie Azul

Ramón Ocaña volta con 27 anos e casa, no 1909, con Mariña Barros, de Aldán, filla do que foi alcalde don Serafín Barros e da valisoletana Bonifacia del Amo. Tiveron oito fillos, 28 netos, e incontables bisnetos e tataranetos. Viviron de alugueiro en varias casas do centro de Cangas (Real, Fomento, Montero Ríos, Méndez Núñez e no Forte) mais nunca tiveron vivenda de seu.

Monta estudo e vive do seu traballo coma fotógrafo. Ten realizado numerosos retratos de cargos importantes, alcaldes, políticos, comerciantes e industriais e das familias máis acomodadas de Cangas. Fotografou os acontecementos ocorridos na vila que publica nos xornais da época como a manifestación dos mariñeiros para pedir arranxo do conflito pesqueiro publicado na revista Vida Gallega e no xornal El Pueblo Gallego

No ano 1931 un incendio destrúe o seu estudo na rúa Fomento. Ocaña é un home tenaz, un rañorte que inicia novas e diversas actividades para sacar adiante a súa numerosa prole. Traballou coma representante comercial, montou un estanco na ribeira; sen abandonar a fotografía téndose desprazado a outras vilas coma Vigo ou o balneario do Carballiño para realizar reportaxes.

Foi socio fundador do Alondras C.F. no ano 1928. Abriu novos negocios: o Lyon Bar (nun baixo da avda. de Montero Ríos, Caixa Xeral, antigo Banco Simeón), unha leitería na avda. de Vincenti e o popular salón de baile El Danubio Azul, inaugurado no verán de 1934, acondicionando unhas antigas naves nos areais de Rodeira (hoxe Casa da Cultura) onde se celebraron comidas ademais doutras actividades sociais e políticas. Cangas empezaba a ser lugar escollido polos primeiros veraneantes.

Na posguerra e axudado polas súas fillas Marina e Enma montou e dirixiu espectáculos de teatro e estivo á fronte do local do Auxilio Social (nos baixos do comercio de Indalecio na rúa E. Sequeiros) nos comedores infantís que alimentaron a tantos nenos naqueles anos terribles da fame. Deixou escrito don Eugenio Eiroa que "o labor benéfico e humanitario de Ocaña en favor dos necesitados dificilmente podía ser superado por ninguén".

Foron un matrimonio moi agarimoso e amantes da natureza. Lembran a Ramón coma un home delgadiño, miúdo de corpo, de andar paseniño, moi sensible. E a Mariña recollendo cornetas de flores acompañándoo sempre e collidos da man polas rúas do centro ou polas corredoiras aldeás na procura de acougo e silencios. Ramón Ocaña falece en Cangas no ano de 1977, aos 96 anos de idade, vivindo na rúa Ozámiz no barrio do Forte.

Ocaña deixounos unhas magníficas series de Postais de Cangas de valor incalculable, que percorren a vila ao longo de todo o século XX. Preciosas coleccións de importante valor histórico. No primeiro álbum, Cangas Antigo, cunha foto xeral do porto na portada, preséntanse, unidas cunha grampa e formando un caderno do que se podían desprender para ser enviadas por correo unha Colección de Postais con 12 fotografías con vistas do porto, mercado, praza da Constitución, igrexa ex-colexiata, ponte medieval, cruceiro do Sinal e as tendedeiras do Forte.

Do segundo álbum de Cangas Antigo (editado por J. Buceta en cartón duro) só conservamos a número 5 dedicada ao paseo do peirao. Supoñemos que sería unha serie de 10 tarxetas postais porque a seguinte colección que chamamos Serie Azul Dura empeza no número 11 coa igrexa colexiata, segue pola praza da Fonte Nova e entra nas rúas antigas do barrio do Costal, baixada a fonte Ferreira, cruceiro de Singulis, rúa dos Píos, o Outeiro, Berbetaña e remata no Eirado. Pola roupa e os elementos construtivos podemos datalas nos anos 1920.

No cuarto traballo, Serie Azul, contén ao igual que o primeiro traballo unha colección de 12 fotografías: vistas xerais, o peirao do comercio e incorpora algúns novos detalles de interese coma estatua de Soaxe e o palco da música aínda sen teito, as pías de auga bendita da colexiata chegadas de Filipinas,a fachada e o altar maior da igrexa, a fonte de Santiago coñecida coma do Cabalo, o paseo das Avenidas e o edificio do Mercado e o cruceiro do Sinal. Fotos a partir de 1925.

Conta Xulia Chapela que nunha ocasión os seus pais tiñan que facer unha fotografía para demostrar que eran familia numerosa. Acudiron ao estudo de Ramón Ocaña a que lles tirara a foto familiar pero unha irmá portábase moi mal e movíase moito polo que o fotógrafo tiña serias dificultades para desenvolver o seu labor. Entón botou man dunha rapariga que estaba por alí e meteuna no retrato sacando á nena que se estaba portando mal. E así figurando como filla e irmá de Xulia a foto serviu para demostrar que eran unha familia numerosa.

O colectivo Arte-Visual recolleu o traballo fotográfico de Ocaña nunha Exposición Antolóxica na Casa da Cultura de Cangas en abril de 1995 .

Cangas débelle imperecedoira gratitude a Ramón Ocaña por legarnos tantos testemuños gráficos da historia de Cangas no século XX. Recollendo palabras escritas por don Eugenio Eiroa Hermo, debera serlle concedido oficialmente o título de Fillo Adoptivo gañado a pulso. Un merecido honor para el pero tamén para todos os cangueiros. Se aínda non foi nomeado, nunca é tarde para facelo. A tempo estamos.

Compartir el artículo

stats