Xa esta case todo a punto para a primeira edición do festival MusiCangas, que se estrea esta fin de semana no entorno da explanada de Ojea. Unha das últimas incógnitas que quedaba por aclarar era a distribución dos grupos nos dous días que vai durar o festival. Ese punto xa foi acordado na última reunión celebrada entre as bandas e a Concellería de Mocidades. Deste xeito, o cartel da xornada inaugural do venres estará composto por Lost in Life, The Black Trails, Poetarras, Peri&Pecas e Hypnos Day. Mentras, o sábado os encargados de pechar o certame serán Tales of Monkeys, Wolf Rayet, Greve, OTTP! e Democide.

O MusiCangas agardaba inicialmente reunir a oito bandas, pero a gran acollida da iniciativa obrigou á organización a ampliar a participación ata os dez grupos. Representantes das bandas, a produtora e o responsable da Concellería de Mocidade, Andrés García, veñen de manter unha reunión na Casa da Xuventude na que se perfilaron detalles da organización. Unha das novidades é que se gravaran os directos de todos os grupos en formato de alta calidade, "dotando aos artistas dun material moi útil e valioso", explican dende o Concello de Cangas.

O MusiCangas terá lugar o venres e sábado e os concertos de cada xornada comezarán a partir das 21.00 horas. A organización aposta por darlle a este certame un marcado carácter solidario e a barra de consumicións que se instalará na explanada de Ojea terá fins benéficos. Os organizadores veñen de asinar un acordo de colaboración coa Axencia da ONU para os Refuxiados (ACNUR) para a recollida de fondos a través da barra do festival. "Invitamos a todos os asistentes a colaborar nestes duros intres nos que cada xesto conta", suliñan.

Plan estratéxico

A celebración deste MusiCangas leva aparellada a elaboración un Plan Estratéxico no que se está a traballar e que contempla a posibilidade de liñas de colaboración con outras entidades e institucións. "Analizaremos as posibilidades de traballar con concellos como Bueu ou Moaña, entre outros, para que poidamos atopar as sinerxias que poidan existir, apliando así os artistas beneficiarios ou promovendo que artistas de Cangas toquen en Bueu e viceversa", explica o concelleiro Andrés García.