No primeiro mes de 2009, habíase destapar en Sogama o almacenamento irregular de 1.700 toneladas de restos farmacolóxicos, arreciarían as denuncias e os procesos xudiciais entre directivos. Asemade, descubrirían unha caída nos ingresos e beneficios e un forte endebedamento que se ben se reducira entre 2005 e 2007, voltaría a incrementarse a posteriori. En maio de 2009, xa co PP de novo na Xunta, Unión Fenosa comezaría a cuestionar a sua presenza en Sogama apesar de ser a que maior rendemento lle tirou á planta grazas ao alto número de subcontratas en filiais suas, asunto do que xa alertara o Consello de Contas no ano 2004.

Nos anos seguintes arreciarían as denuncias ecoloxistas contra a ampliación do vertedoiro de Sogama, esixindo mesmo o seu peche no 2017. A comezos de 2010 e ante a saturación da incineradora, unha das que máis queima e contamina de España, a consellería de Medioambiente da Xunta, dirixida por Agustín Hernández, propón facer outra no Irixo que atendese ao sur de Galicia. Tras desta ampliación subxacía agora, a baixa rendabilidade da de Cerdeda, as esixencias de Gas Natural en xa inestable matrimonio coa Xunta e os serios problemas financieiros que segundo o presidente de Sogama, Luis Lamas, se debía ao baixo canon que pagaban os concellos. En abril deste ano sería cando se asinase finalmente pola Mancomunidade do Morrazo, o concurso da recollida do lixo coa empresa Recolte (GSC) que se faría cargo da compactadora e complexo de Castiñeiras.

A forte oposición á segunda planta incineradora, a denuncia no Parlamento europeo (BNG) e incluso a oposición de alcaldes do PP, deixaría en suspenso a finais de 2012, a construción da segunda incineradora, ao tempo que se manifestaban os primeiros síntomas da crise na diminución do lixo que arribaba a Cerdeda. Sería entón cando a mediados de 2013, Sogama comezaría, non só a apretar legalmente aos concellos con impagos, senón que incrementaría nun 25% o canon sobre o lixo (uns 25 euros no recibo), provocando que moitos entes locais decidisen non aceptar as condicións da planta de Cerdeda. A Mancomunidade do Morrazo, presidida agora polo alcalde de Cangas, Enrique Sotelo, tamén tentaría desvincularse, mais as condicións do contrato fan inviable tal propósito e máis ainda adebedándolle 7,5 millóns de euros a Sogama que mediante unha enxeñería contable cos provedores se libraría de aboar. Como alternativas inmediatas e de acordo coa empresa de recollida propuxéronse medidas de conxelación dos recibos ata 2018, após da suba dos mesmos e a realización dun rastrexo comarcal na procura de morosos e non dados de alta no pago do lixo que de tan exaustivo, mesmo incluiría vivendas deshabitadas.

Nesta conxuntura, xurdiría en novembro de 2013 unha oferta das empresas TEN (Tratamientos Ecológicos del Noroeste) e Formato Verde, ubicadas en Touro, que propuñan poñer en valor as instalacións da planta de Castiñeiras, aumentando a reciclaxe, reducindo os custes do traslado dos refugallos a Sogama e incrementando os seus ingresos mediante servizos a terceiros concellos, hospitais e outras entidades. O sistema a instalar sería o denominado Sistema Mecánico Térmico, baseado na tecnoloxía MHT (Mechanical Heat Treatmen) instalado nalgunhas plantas galegas e que segundo dicían podería reducir ata nun 70% o lixo que se envía a Cerceda. A comprobar este proceso mixto a base de autoclaves aquecidos con biomasa, acudirían a Touro representantes políticos dos concellos e da empresa Recolte (GSC) a cal se amosou partidaria de instalar este sistema cun investimento de 2 millóns de euros. Ao final non prosperaría este novo proxecto e no ano seguinte (2014), co canon xa disparado ao 34%, arreciarían as ameazas de desvinculación de moitos concellos pero a Xunta acordaría de repente unha baixada do 10% alegando beneficios pois Sogama volvía a ser rendible, segundo eles. Porén, moitos incrédulos aseverarían que esta baixada sería coxuntural e que se debía ás xa próximas eleicións autonómicas, tornando as cousas ao previsto se volvese gañar o Partido Popular como así aconteceu.

E agora, en 2015, tras da volta dos partidos progresistas ao Morrazo e á Deputación, volve a retomarse o tema do reciclado, propóndose a creación de pequenas plantas comarcais. E para coñecer os avances nesta materia, vólvense a organizar viaxes de inspección fóra de Galicia, a onde hai plantas deste tipo en marcha, reproducindo así un ciclo que xa comezara hai quince anos. Contodo, algúns dos representantes municipais galegos concluiro que o que miraron no País Vasco e Navarra está moi próximo ao que eles fan aquí coa compostaxe. A ver se vai desta tamén no Morrazo.

(*) Mestre de Cangas