Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pasado y futuro de la basura · Primer intento de compostaje en O Morrazo

A planta de Castiñeiras: unha historia que se repite

O goberno cuatripartito de Cangas de 1995-1999 tiña como proxecto estrela a planta de reciclado no polígono

Alcaldes de O Morrazo que viaxaron en 1999 a Cataluña a visitar plantas de compostaxe. // FDV

A lexislatura municipal do cuatripartito en Cangas, entre o 1995 e o 1999, foi de moita ilusión e de trafego de ideas, centradas basicamente na recuperación da convivencia social, no arranxo da cuestión catastral, no deporte (construción do Pavillón do Gatañal) ou na cultura e na ecoloxía, tendo estas como eixos básicos o trazado da Ruta Ecolóxica do Morrazo (84 km.) e a potenciación de áreas naturais como a de Cabo Udra ou arqueolóxicas como o Facho. Mais daquela, o proxecto estrela era a construción da Planta de Reciclado no recén creado polígono de Castiñeiras que levaba aparellado tamén o peche e recuperación do saturado e contaminante vertedoiro de Varalonga. No tempo que durou a construción da planta realizaríanse programas de coñecemento do tema, incluindo unha visita a unha planta de Sant Boi de Llobregat, pioneira daquela no reciclado do lixo. O labor de concienciación social tería base nos centros escolares e asociacións culturais e veciñais, realizándose talleres e charlas entorno ao que daquela se chamaban as 3R (R.R.R.) de redución, reutilización e reciclado. Neste sentido, a posta en valor do lixo, os sistemas de separación do mesmo e dos refugallos, a identificación dos tipos e cores dos contedores ou a ubicación de puntos verdes ou limpos, foron case asignatura obrigada para estudantes e familiares. A par disto, os debates desenvolveríanse arredor do tema da colocación e uso (exceso) do compost xerado e dos produtos reciclables, nun momento en que ainda non había moita infraestrutura nin coñecementos sobre estes temas, actualmente resoltos e lucrativos.

Mais, nas eleicións municipais de 1999, o PP alcanzaría o goberno das tres alcaldías da Mancomunidade e aquel xa rematado proxecto, que nacera como alternativa á incineración do lixo en Cerceda, sería inmediatamente obviado polos novos concellos que, obviamente, optarían por Sogama. Esta empresa mixta, que xa fora creada en 1992 con participación pública da Xunta (51%) e mais de Fenosa (49%) utiliza a incineración do lixo para producir electricidade, agás os refugallos sólidos que a U.E. obriga a reciclar. Xa que logo, quedaría así abandonado un proxecto no que se investiran máis de tres millóns e medio de euros sen terse posto nunca en funcionamento agás a empacadora, aproveitada por Sogama desde maio de 2003 para evitar o traslado do lixo por Ribadumia.

Peche de Varalonga

A aposta por Sogama, a todas luces politizada, traería como primeira contrapartida a aceleración do xa proxectado peche de Varalonga que se produciría o primeiro de xaneiro de 2001 ao facerse cargo da recollida do lixo a empresa Urbaser. A finais deste ano, a Consellería de Medioambiente coa axuda dos Fondos de Cohexión europeos e pequenas aportacións do Concello, encargaríalle á empresa Tragsa o tratamento, descontaminación, selado e clausura do vertedoiro. Esta operación remataría o 25 de abril do 2003 despois de investirse en duas fases 360.000 euros, aportando o Concello uns 55.000 euros. O convenio firmado con Medioambiente da Xunta incorporaba tamén algunhas actuacións como a mellora da contorna do vertedoiro de Baralonga (24.000 euros) ubicando na mesma un parque con bancos e mesas de madeira que quedarían arrasados no incendio do verán de 2006 xunto co manto vexetal e un barco alí ubicado. Ademáis disto, a consellería financiaría tamén un vertedoiro de cascallos, completaría o saneamento na desembocadura do rio Puntillón e remataría o paseo de Santa Marta (Senda Costeira) coa iluminación do túnel que comunica con Areamilla. Como promesas a estudar, o conselleiro ofertaría tamén o saneamento da zona da Portela e dalgúns barrios de Coiro.

Desde agosto de 2005 a Xunta vai estar en mans do bipartito PSOE-BNG, recaendo a Consellería de Medio Ambiente no socialista Pachi Vázquez. En decembro de 2008, comezarían a aflorar os conflitos en Sogama por mor dos verquidos no rio de Cerdeda con varios cargos imputados e o despedimentos. A tensión interna despacharíase cun cisma directivo e acusacións sobre primas a Fenosa, privilexiada nas contratacións de obras e servizos.

Plan de Residuos de Galicia

Despois disto e a só tres meses das eleicións autonómicas (marzo 2009), o goberno bipartito da Xunta (PSOE-BNG), através da Consellería de Medio Ambiente presentaría o denominado Plan de Residuos de Galicia no que estaba previsto reactivar a planta de compostaxe de Castiñeiras (Cangas-Bueu) para absorver 5.180 toneladas de lixo ao ano. Esta data vai coincidir coa saída do concurso para anovar o contrato da recollida do lixo da Mancomunidade do Morrazo que desde 2004 viña realizando de forma provisoria a empresa Isolux Corsán. Mais, este concurso habería de adiarse case un ano pois, obviamente, o novo plego debería incorporar a posta en marcha da planta de reciclaxe por parte da concesionaria.

Contodo, o daquela presidente da Mancomunidade e alcalde de Moaña (BNG), xa se felicitaba por poder reducir á metade as 28.000 toneladas de residuos que se mandaban a incinerar a Sogama e reducir os custes do lixo con esta empresa de 1,5 millóns a 800.000 euros ou incluso menos. A proposta da Xunta incorporaba o denominado FORM (Fracción Orgánica dos Residuos Municipais) a aplicar en cinco zonas: Nostián (A Coruña), Lugo, Ourense, Barbanza e O Morrazo. Todas as áreas modificarían e ampliarían as suas instalacións para atender grandes áreas, agás a de Castiñeiras que quedaba reservada só para os tres concellos morracenses da Mancomunidade. A respecto disto, ergueríanse voces discrepantes en Vigo da man da asociación ecoloxista Adega que consideraba que a planta do Morrazo debería ampliarse e atender a sua área por proximidade. Os ecoloxistas afirmaban que era pouco efectivo e rendible asignarlle a Vigo as plantas de compostaje de Santiago ou de Carballeda de Avia, criticando que non se favorecesen as plantas comarcais ou as áreas metropolitanas, agardando que a ver se dunha vez os políticos tomaban en serio o tema dos refugallos e que os plans se desenvolvesesn sen cores políticas de ningún tipo. Xa co PP de novo no goberno da Xunta, non só quedaría en suspenso o proxecto anterior da planta de reciclado do Morrazo, senón que o contrato coa nova empresa do lixo reduciríase de 25 a 10 anos e o presuposto de 65 a 2,1 millóns de euros.

Compartir el artículo

stats