Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Inocentes Camaño, o gran impulsor da música

Foi director da Escola de Música, presidente da Banda Bellas Artes e gravou "Cangas pobo encantador"

Nesta ocasión coa orquestra internacional Los Ibéricos.

Entra na academia de música da banda Belas Artes aos 14 anos e continúa cos seus estudos musicais de forma autodidacta. Daquela a música que se tocaba nas prazas e nas tabernas, cociñábase nas barberías do Chilola, Castañeta ou Requinto ou cos zapateiros coma Ramón Tenreiro, os Francias, Felechos.

No 1951 a inestabilidade da banda de Cangas lévao a colaborar coa de Moaña. No servizo militar foi membro da banda do cuartel de Instrución do Ferrol e ao remate forma parte da orquestra Nuevos Ritmos. Luís como é coñecido familiarmente casa con Fina Portela en San Roque e teñen tres fillos. Durante máis de tres anos segue enriquecéndose musicalmente colaborando coas bandas da bisbarra.

A seguinte agrupación da que Camaño formou parte foi Los Ibéricos. Unha orquestra de renome internacional que o levou por unha xira artística feita por todo Oriente Medio (Xordania, Turquía, Bagdá) durante máis de catro anos. De volta a Galicia, pasa por unha etapa itinerante por varias agrupacións, nas que sempre deixa unha marcada profesionalidade musical.

A partires de 1964 comeza a formar parte de Los Magos de España, onde realizou a súa derradeira etapa no mundo das orquestras. Camaño tocaba e dominaba a frauta, o clarinete e o saxofón. Cando quería descansar de soprar, amarraba o micrófono e cantaba uns magníficos boleros. Dentro desta agrupación fixo un grande e importante labor de arranxos e composicións, que lle daban unha personalidade moi característica ás actuacións en directo. Durante o inverno facían grandes xiras polos países da emigración europea para virse nos veráns e facer as famosas veladas ao aire libre no hotel Universal de Vigo.

A súa agudeza auditiva manifestábaas en calquera campo musical onde lle deran oportunidade. Axúdalle aos novos grupos capitaneados por Tucho Perete aos que lle fai arranxos e adaptacións. Conta Berto Pena que tamén lle fixo a orquestración para a canción Cantiga das Fontes que Nuevas Amistades presentara con éxito no Festival do Miño. Camaño sempre estaba disposto a axudar.

No ano 1979 por mor dun tumor cerebral ten que retirarse da práctica musical apartándose dos escenarios. Sae ben dunha operación moi delicada e inicia a etapa de recuperación dedicándose a dar clases particulares de solfexo e instrumento, colaborando ao tempo nos labores directivos da coral Lestonnac. A súa agudeza auditiva manifestábaa en calquera campo musical onde lle deran oportunidade.

No ano 1980 comeza a súa derradeira etapa musical na Bellas Artes, coa colaboración de Xesús Cordeiro. A renovación da Banda foi palpable en todos os aspectos. A súa imaxe adquire un carácter novo en todas as obras que interpreta: dende repertorio máis clásico, a arranxos e adaptacións de pezas coñecidas.

Inocentes dirixe, xunto ao mestre Carballo, a Escola de Música de Cangas que comeza a funcionar no colexio de Nazaret en 1982 , baixo o patrocinio do concello. Foi o primeiro presidente da asociación cultural da Banda Bellas Artes. Dende aquí relanza o proxecto da Escola de Música. No ano 1988 Inocentes Camaño, xunto ao codirector, Alberto González Avilés, levan a cabo a gravación do disco Cangas Pobo Encantador no que se incluían arranxos e composicións propias de ambos directores.

A traxectoria de Inocentes Camaño nunca decaeu e sempre estivo compaxinada coa formación da canteira musical. Empeza a ter serios problemas de saúde, que o manteñen un pouco á marxe da dirección da banda, pero colaborando estreitamente coa agrupación a nivel de formación, nas clases particulares que daba na súa casa, sempre dando posibilidades ás novas xeracións musicais. Axudáballe a todos os que demandaban axuda. Conta Tomás Fandiño organizador do Jazz Vivo que un ano o saxo de Dave Pibius levara un golpe e non valía para actuar. Acoden a Camaño que lle prestou o mellor saxo que tiña. O músico canadiense quedou marabillado con aquel instrumento excepcional. Que persoa tan xenerosa era Inocente!

O mestre falece na súa casa de san Roque no día de san Miguel de 1990. "Un señor con gran talento/ e moi amante do canto. / Músico de profesión,/ moi amable coa xente/ e de moi bo corazón", en palabras do seu veciño e amigo Cecilio Rial. O seu proxecto iniciado nos anos oitenta pasou a chamarse Escola Municipal de Música Mestre Inocentes Camaño na súa honra. O camiño de achegar a música ao público novo segue dando moi bos froitos á música en Cangas.

(*) Directivo de A Cepa

Compartir el artículo

stats