Vilariño afronta xa os preparativos para a súa XVI Festa Folc, que o sábado 15 de agosto congregará a milleiros de persoas na praia para desfrutar dos mellores sons da música folc e tradicional. Este ano o cartel reunirá a Pelepau, Kepa Junkera, Chotokoeu e aos Cuchufellos. Pero as actividades vencelladas ao festival comezarán antes. Hoxe mesmo abrése a novena edición da Semana Cultural Marta Entenza, cuxas actividades terán lugar no local social da aldea.

A programación arranca hoxe ás 22.00 horas cun entroido animado, no que se anima aos participantes a acudir disfrazados dalgún debuxo animado. Mañá domingo será o turno para un concerto do Tío Calambres, mentras que o luns a partir das 22.30 horas haberá unha proxección de cine -"Loras, en busca de la trúfula perdida"- e unha observación astronómica das estrelas.

O martes a Semana Cultural Marta Entenza ofrecerá teatro, coa presentación de "O recuncho dos contos" de Pinga Teatro (21.30 horas), e un concerto de acordeón coa presenza dos músicos Manolo e Ramón. O mércores, tamén ás 21.30 horas, haberá un encontro de pandereteiras e pandereteiros. As actividades desta semana cultural terán o seu colofón o xoves cun encontro titulado "En danza co gato. Pandecroba", así como a proxección do documental e homenaxe aos "Gaiteiros do mar".

Un dos "clásicos" da Festa Folc de Vilariño é a elección do animal que protagoniza o seu cartel, que deseñou Luís Davila. A figura escollida este ano é un cormorán ou corvo mariño cristado, unha especie protexida. O festival será o sábado, unha xornada que tamén estará ateigada de actividades. Este ano vaise celebrar a terceira edición da Mostra de instrumentos de Música Tradicional no que estarán presentes Queima (vento e percusión, Redondela), Foliqueiras (percusión tradicional, Vigo), Cristóbal Prieto (gaitas e frautas, O Hío), Benito Quirós (gaitas e percusión tradicional, Vigo), Xaneco (percusión e zanfonas, Outeiro de Rei), César Loureiro (arpa celta, zanfona e nickelharpa, Marín), Afonso (gaitas e frautas, O Rosal), Roberto Sotelo (gaitas, Darbo) e Diego Langarika (corda e percusión, Pontecaldelas).