O mellor síntoma do interese que suscita cada edición de Argálica é a cantidade de curiosos e compradores que na tarde de onte xa visitaban os postos da feira de artesanía mesmo antes da súa inauguración oficial. Dende as sete da tarde, os interesados nos produtos tradicionais artesanais galegos puideron pasear polos 33 postos que nesta edición dan cabida a 36 artesáns. "Hai oito casetas máis que o ano pasado. Combínanse os artesáns de toda a vida con doce novos", explica Marcelo Scapinachis, tesoureiro da Asociación para o Impulso da Artesanía en Galicia (Afiga) e organizador da XXIV edición da feira canguesa, que tamén conta co apoio do Concello de Cangas e da Fundación Centro Galego de Artesanía e Deseño..

"É o segundo ano que participamos na Argálica, a edición pasada foinos moi ben, polo que esperamos repetir", afirma Valeria Efftimoff dende o posto de Cervexas Menduíña. Un éxito que tamén vaticinan dende a organización: "O ano pasado incrementáronse as vendas nun quince por cento con respecto ao 2013, e confiamos en que se manteña a tendencia".

Uxía Castro, En_piezas, Jaume Huguet, Uxía Bega Artesanía, Montse Bentanzos ou Xoias Meninas exporán os seus produtos de xoiaría, marroquinería, cristais, cerámica, marquetería, xoguetes ou roupa ata o vindeiro 9 de agosto nos postos do paseo marítimo de Cangas.

A Mostra de Artesanía, terceira máis antiga de Galicia e que o ano que vén cumprirá o seu vintecinco aniversario, organizará ademais actividades paralelas co obxectivo de integrar na próxima edición artesanía, libros e gastronomía. Exhibicións de oficios artesanais, concertos, presentacións de libros e o Salón da Peza Única son algunhas das propostas dadas pola Afiga para esta edición.

Respaldo oficial

Na presentación da Argálica, Josefina Carrillo, presidenta de Afiga, foi a encargada de dar a benvida aos asistentes na primeira xornada da feira. Carrillo estivo acompañada polo tesoureiro da asociación, Marcelo Scapinachis, e polo edil de Cultura de Cangas, Héitor Mera, quen reafirmou a intención do consistorio de "apoiar á artesanía tradicional galega en todas as súas vertentes, xa que é un motor de riqueza". Unha vez finalizado o acto de presentación, Carrillo, Scapinachis e Mera foron achegándose aos postos para coñecer de primeira man a variedade desta edición.