Sería imposible falar das fontes sen falar da auga, única razón de ser das mesmas, deténdonos un intre nos rios que máis ben pequenos e curtos no Morrazo, cobran, por veces, inusitada escorrentía pola alta pluviosidade da zona e o desnivel dos cauces que os converten en impetuosa enxurrada asolagadora. Dos vellos documentos recollemos no Hío, nomes como o regato do Corral de Barxa, o do Outeiro da Vela, o de Lubrei (Luveredi), o de Nerga e o de Donón co seu afluínte Viñó. En San Pedro menciónase o rio da Mo; en Aldán o Orxás co seu afluinte Fials e en Coiro regatos como o Parada, Tromentelo, Espiñeiro, Niño do Corvo, Salgueiriño, Laxe, Con...

Mais non é o noso obxectivo pormiudar estas augas superficiais senón suliñar algunhas peculiariedades das mesmas como son os diferentes nomes que recibían segundo o lugar polo que pasaban. Así acontece co chamado Pontillón en Darbo que foi tamén Rego da Pedra Cabalgada, rego do Paso, de Riaxe, de Formaas, do Piollo..., o Bouzós, denominado Esperón, do Señal..., o das Presas ou de Anguieiro e o das Saíñas ou Xerez. Un rego que se denominaba Caudal, Lavandeira ou Deja (Regodela) discorría polo centro da vila, actual rúa de Félix Soage, e despois de orixinar unha lagoa por desborde da mina na entrada a Cangas, desembocaba no mar por baixo dun pontón ou pasaxe de madeira. Tamén suscita curiosidade a eliminación do rego da Xunqueira, denominación do amplo humedal que se estendía pouco antes da desembocadura do rio do Señal, sobre o que se ergueron edificios. Coñecendo estes precedentes e as minas que afloran no alto da vila (Xogo da Bola, Nazaret...) non é difícil explicar as habituais zonas de asolagamento de Cangas cando chove. Tamén temos que aludir ás augas soterráns que afloran á superficie a xeito de fontelas naturais ou minas que son abondantísimas en todas partes, incluso nas máis elevadas, e que desde antigo supuxeron un grande recurso para a subsistencia das poboacións e tamén, como non, de conflitos polo seu uso compartido, como era habitual. Xa no século XVI atopamos mención ás minas de Apolinar, ou as da Pena e da Queimaña en Coiro, sendo antano de moita importancia o seu uso e explotación. Como referente basta dicir que as minas de Cangas serviron a comezos do século pasado para abastecer as caldeiras da Fábrica das Luces, as fábricas de salga e conservas ou os vapores como facía o alxibe de Rafael González Vidal (Mau-mau).

Mais, ainda así, co seu escaso caudal, os pequenos regos non só fertilizaron as veigas que cos seus cultivos permitían o sustento e que con extraordinaria enxeñería popular posibilitaron, através de levadas, canles e cubos, o movemento dos numerosos muíños existentes. Ata os anos setenta, ao menos, tamén se lavaba no chamado rego da Enseñanza, nas Pontes do Bouzós, no Saíñas... onde o concello habilitaría lavadoiros. Moitas das fontes, co tempo, tamén desenvolverían un lavadoiro que na sua evolución, alcanzaría a fasquía e arquitectura de pilóns de pedra e cuberta. Moitos deles desapareceron ou están en desuso, mais ainda son bastantes os que se conservan, alimentados por minas ou mananciais como o da Fonte Ferreira en Cangas; o do Castelo, Ourelo, Inxerto... en San Pedro; o do Seixo, Balea, Laxe, Entremuiños... en Darbo; o do Orxás, Fonte da Culler, Besada, Socotelo... en Aldán, o do Geo e do Canizo no Hio ou o da Rosada e da Fontela en Coiro, por citar algúns. Compriría tamén facer alusión aos pozos, máis modernos e urbanos, polo que supuxeron no autoabastecemento de casas e fincas que podían permitirse os custos que entrañaba a sua construción. De extraordinaria importancia polo sistema ecolóxico que se desenvolveu na sua contorna é a lagoa artificial de Massó, concebida para o abastecemento de auga para a baleeira, basicamente.

Xa que logo, cando no manancial espontáneo intervén a man do home, este devén en fonte para preservar a sua salubridade, conformando un punto de referencia social importante arredor do que se parolaba e se namoraba mentres se enchían as sellas. As fontes agachan tamén unha grande bagaxe etnográfica a través das lendas de mouras, das cantigas e das virtudes sanadoras da auga dalgunhas delas que se usaban contra a garxola (tiroides) e outras enfermidades mediante a ofrenda a un santo ou santa. Precisamente, a referencia máis antiga ás fontes en Cangas provén da doación real a Varela no 1160 pois nela inclúense tamén rivis e fontis que ainda non tiñan nome.

Xa con denominación e fama, cobraría relevancia mítica, a comezos do século XVII, a chamada Fonte das Areas Gordas, no areal de Coiro, a onde se dicía que acudían a bruxas a facer os seus aquelarres. Porén, a primeira documentación oficial destas datas só lle daría relevancia ás denominadas Fonte Garrida, Fonte Ferreira e Fonte do Galo (mellor, Fonte do Campo do Galo) que por esta orde foron utilizándose a medida que crecía o casco urbano nos barrios do Costal, Outeiro e Señal. No extrarradio do concello xa se localiza tamén cara o 1545 a Fonte do Canabal que ao transcribir a fala da época grafárona como Canibal. Moitas das fontes xa as mencionamos ligadas aos lavadoiros, ainda que tamén hai bastantes que só cumpren a misión de suministrar auga sen máis como a de Maragotas, a Fontedola (Fonte da Ola), a Fontedouro, Couñal, das Bruxas, Bieita, Pesada ou do Sapo... por citar algunhas de chamativo nome.