Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Félix Soaxe, o filántropo de Cangas (II)

Dende a súa posición económica axudou ás sociedades de beneficiencia e financiou obras na súa vila

Pavillón hospitalario da cidade de Temperley, na Arxentina. // FdV

En 1904 trasladouse a Bos Aires, mercando unha finca na rúa Uruguai 1602 onde se dedica aos negocios. Nestes anos da súa vida espértase en Soaxe a súa morriña acumulada en tanto tempo de sacrificio. A súa situación económica era de certa importancia o que lle permitiu asistir aos seus veciños cando necesitaron axuda.

En Cangas a vida transcorría con normalidade á beira da ría. Pero un día unha galerna moi grande castigou bravamente a ribeira. O temporal golpeou toda a noite, rompendo os muros de contención e as cativas instalacións dos peiraos.

A veciñanza resígnase, aínda que con sensación de desamparo como nunca antes se vira. As mulleres, cangadas de anos, teñen que se refuxiar nos portais cando chove para poder vender as mercadorías porque xa non existen os alpendres que levou o temporal. As mulleres traballan agora á intemperie.

Mais chega un día unha nova marabillosa: desde Arxentina veu a orde de emendar o dano. Por puro amor á terra, co agarimo que sempre lle tivo a Cangas que o arrolou na súa infancia, Xosé Félix Soaxe, desde a gran cidade do Prata, mandou os planos e a financiamento para que se edificase un fermoso edificio, dotado de cámaras frigoríficas e amplo espazo para a salga do peixe. Un moderno mercado de abastos onde as mulleres volvesen abrir os seus postos ao abrigo de ventos e choivas.

Ademais Félix Soaxe vai ter activa participación noutras obras benéficas, en Cangas como foi a de custear a construción dunha escola ou a reconstrución da igrexa parroquial, á que regalou un novo órgano de gran potencia, a mellora de moitas rúas e de algúns xardíns.

Na Arxentina tamén realizou numerosas doazóns a Sociedades de Beneficencia da emigración: unha sala de primeiros auxilios en Daireaux no Partido de Caseros, lugar onde realiza a súa fortuna, dedica douscentos mil pesos ao levantamento dun pavillón hospitalario na cidade de Temperley, realiza o primeiro legado, que rexistra o Hospital Español de Bos Aires, funda bibliotecas de barrio, axuda de forma constante á Benemérita Sociedade de Irmás dos Desamparados, ao Padroado da Infancia, ao Padroado Español, á Sociedade Española de Socorros Mutuos de Bos Aires. Por todo isto, a Félix Soaxe o goberno español concedeulle a Gran Cruz de Beneficencia .

Todos os nadais, Soaxe percorría os hospitais infantís, para repartir xoguetes, roupa e lambetadas. En 1919 Soaxe outórgalle á Sociedade Española de Socorros Mutuos a cantidade de 25.000 pesos, pola cal a entidade retribúeo nomeándoo socio honorario.

O seu importante labor altruísta foi valorado polos veciños de Cangas que lle enviaron un álbum coas sinaturas de todos transmitíndolle o seu agradecemento e a decisión de erguer unha estatua na Alameda da vila, por subscrición popular: "Cangas al filántropo José F. Soage Villarino" (1925), foi a obra encargada ao destacado escultor Francisco Asorey, en homenaxe póstuma.

O 8 de abril de 1924 o gran filántropo de Cangas morría en Bos Aires, lonxe da súa Cangas querida, da que tanto se lembrou coas súas obras e o seu pensamento.

*Membros de A Cepa

Compartir el artículo

stats