"Cheguei a esta bisbarra hai 25 anos e deseguida me decatei da inquietude artística das xentes do Morrazo", sinala Joseba García Plazuelo, un vasco de Santurtzi que exerce como profesor de bacharelarato de Artes no IES María Soliño e que está ao frente da exposición que se inaugurou onte no Auditorio coa participación de medio centenar de alumnos e alumnas residentes en Cangas, Moaña e Bueu. Son xa 15 edicións desta mostra anual organizada polo departamento de Artes Plásticas e Audiovisuais do centro cangués (a primeira foi en 2001), e a paixón polo oficio non decae. "Hai moita demanda e nunca falta xente para cubrir as prazas", sinalan os promotores.

O instituto María Soliño é un dos cinco de toda a provincia que imparte esta modalidade de bacharelato que conta coas ramas plástica, escénica e musical. "Os nomes de artistas plásticos, escénicos e musicais vencellados á nosa comarca serve para encher unha enciclopedia", ironizan no Auditorio, que ve pasar cada ano ás "promesas do ramo", como sinalou Camilo Camalo Xestido. Algunhas delas xa abriron o ano na sala Ángel Botello da Casa da Cultura, cunha exposición da obra dos alumnos máis destacados, prólogo desta máis extensa que sempre adoita celebrarse en abril. A nova mostra espermanecerá aberta ao público ata o día 30, en horario habitual.

Traballo educativo

"A sorte da maioría destes rapaces e rapazas é que estudian o que lles gusta e moitos deles converten a súa vocación en traballo e medio de vida", argumentan. "E o certo é que sae moita xente interesante a nivel profesional, mesmo algunha con iniciativa empresarial". sinala Joseba García minutos antes de inaugurar a exposición, onte ás oito da tarde, coa presencia de alumnos e familiares, profesores e tamén representantes institucionais.

É o momento de mostrar ao público o traballo realizado ao longo do curso e a capacidade formativa do departamento de Artes Plásticas, que rota cada ano a xefatura entre tres profesores: Carlos del Valle e Alberto Pena, ademais de Joseba García, responsable da edición de 2015, que xa abriu fiestras no Auditorio.