Xosé Manuel G. Trigo (Meira, 1948) presentou onte no salón de plenos da súa Moaña natal o libro "Raíñas no meu xardín", que pasa por ser a súa segunda novela tras "Reserva especial", publicada no ano 2004. No acto de onte estivo presente o poeta Xosé María Álvarez Cáccamo, o director de Galaxia Víctor F. Freixanes e o alcalde moañés José Fervenza.

-Que se atoparán os lectores na súa novela?

-Agora que podo obxectivizala un pouco me parece un manual de ensoñanzas. Colle unha dirección distinta aos xéneros máis en circulación neste momento, como a novela negra, a erótica, a romántica e a templaria. É un libro de ensoñación no que predominan os efectos imaxinativos e a vontade de crear un libro de culto á propia persoa. Pero mantén unha dialéctica coas asperezas e adversidades do mundo deste momento, como pode ser o estado da economía ou a fronteira que temos entre un mundo que parece que vai morrer, pero non acaba de facelo, e outro que parece que vai nacer.

-Unha das personaxes é Carolina Otero ("La Bella Otero").

-O nome de Carolina Otero ten certa importancia no libro. Sae precisamente porque coñecín a un individuo para o que ela é un produto de ensoñación. Esta personaxe me interesou non só polo que significa de persoa de carne e óso, de camas, luxurias e xoias. Senón tamén por unha parte que nunca se tratou dela, que é a súa intelixencia. Era unha muller extremadamente intelixente. Carolina Otero é unha personaxe que debemos explotar máis dende o punto de vista narrativo. Se o collen os norteamericanos lle sacarían moito partido. Aquí houbo unha especie de puritanismo e visión unidimensional da súa persoa.

-Vostede vive en Santiago dende hai moitos anos. Por que a presentación en Moaña?

-Porque son de Moaña e Meira é o meu paraíso perdido. É unha honra para min. Obedece ao propio desexo da editora coa aceptación, que me comprace, do alcalde da vila. Meira tamén é un material de ensoñación da miña nenez e adolescencia.

-Hai lectores en galego suficientes para tanta producción?

-Ás veces se publica demasiado. Hai xente que publica todo o que escribe. A afirmación de que o lector morreu paréceme esaxerada, pero é certo que hoxe o lector convencional está nas series televisivas. É un consumidor voraz de historias e hai que recoñecer que as mellores historias as elaboran os equipos de guionistas cada vez con máis talento. As series merecen, como xénero narrativo, un crédito e moitas delas son moi plausibles, hai verdadeiras obras de arte e quizais houbo un desvío do consumo narrativo literario. Descende tamén a formación do lector. O sistema educativo non produce lectores.