Afonso Eiré presenta mañá na Librería O Pontillón de Moaña o libro "Eu estaba alí. Pequenas historias de Galicia" (Ed. Hércules), que pasa por ser unha crónica de 22 momentos clave da historia de Galicia no último medio século. A cita será ás 20.30 horas e participará o profesor, ensaísta, escritor e exalcalde de Moaña Xosé Manuel Millán.

-De onde partiu a idea de percorrer nun libro os últimos 50 anos en Galicia?

-Porque a historia, primeiro, non a contan os protagonistas case nunca. E segundo porque se conta dende unha perspectiva histórica e non cando aconteceu. Por iso tantas veces está moi deturpada, por non ir ás fontes directas. Eu estiven presente neses momentos importantes de Galicia e quixen, non contalos por documentos, senón porque o vivín en primeira persoa. Recurrín ás libretas e apuntes que tomei no momento. A miña memoria de nomes e datas non é moi boa, pero das sensacións e dos feitos sí que teño boa memoria.

-Que cambiou nos galegos dende o final do franquismo?

-Antes a xente era protagonista pero non tiña esa sensación. Facía as cousas porque tiña que facelas. Agora parece que cada manifestación ou plataforma está a descubrir algo novo. As asembleas abertas, que agora están de moda, foi o que sempre se fixo na militancia política, sobre todo, do nacionalismo galego.

-A qué feitos lle presta máis atención no libro?

-Escollín os 22 feitos que para min foron determinantes nos últimos anos da historia de Galicia. Dende a morte de "O Piloto", que foi o último guerrilleiro e morreu en Chantada, de onde era eu, ata a última ruptura do BNG. Eu non a sitúo na Asemblea de Amio, como din todos, senón cando Beiras e Fraga, no 2002, se dan un abrazo. Polo medio hai moitas cousas como foi a loita contra os verquidos nucleares ou nas Encrobas.

-A mocidade está menos politizada agora, non?

-Está distinta, estamos noutra época e o seu xeito de actuar é totalmente distinto. Penso que, en certo sentido, a mocidade perdeu a utopía. Aínda que se declare antisistema, có 15-M e estes movementos o que se reclama realmente é voltar a 2008, antes da crise.

-Como xornalista, sentía a necesidade de contar de novo o que viviu?

-Máis que iso é porque me daba conta de que os historiadores estaban contando cousas que eu non vivira así e non tiña os mesmos datos. Aquí se instalou a percepción de que o pobo galego era un pobo derrotado que nunca gañara nada. Iso non é certo, o pobo galego protagonizou moitas vitorias. Por exemplo, se logrou a paralización da central nuclear de Xove sen violencia. Foi un caso único en Europa. Foron os galegos os que pararon os verquidos radiactivos na fosa atlántica. Iso se esquece adrede e non se contan as cousas como foron.