No pasado mes de agosto, concretamente o día 17, cumpríanse trinta anos do desaloxo dos nudistas da praia de Barra por parte dalgúns veciños da parroquia no ano 1984. A noticia foi recollida en numerosos medios de comunicación igual que no ano anterior acontecera coas detencións e multas impostas aos nudistas de Baroña e Porto do Son que mereceran a atención da RTVE en 1983 por pertenceren a este ente algúns deles. As cabezas visibles destes, segundo eles, "coiristas" da Coordinadora Nudista Ecológico Radical eran Miguel Cancio e Pedro Arias Veira que nestas datas era do Partido Comunista e agora, metamorfoseado, exerce de deputado do PP. Voltando á efeméride de Barra, cabe dicir que case todos os medios apuntaron ao cura do Hio, Andrés Carril, como instigador da protesta veciñal ao encabezar o grupo de veciños de Viñó que, armados de paus, insultaran e ameazaran aos nudistas que alí acampaban e que reclamaban a berros "que hable el cura". A presenza da Garda Civil evitaría o peor, mentres a Policía Municipal, enviada polo recén elixido (1983) alcalde socialista, Lois Pena, procedía ao levantamento dunha parte das tendas. A operación de desaloxo, que continuaría ao día seguinte baixo a atenta vixilancia dos veciños, estaba baseada, segundo o rexidor municipal, nas denuncias dos veciños. Entanto, os nudistas, xóvenes maioritariamente, alegaban que non infrinxiran ningunha lei e que se lles mostrase unha orde xudicial que xustificase esta acción, debida exclusivamente a prexuizos morais, segundo eles.

Podemos afirmar que Vigo foi pioneira no exercicio do desnudismo cando alá polo 1974 se converteu na primeira cidade de España onde se practicou o que daquela se chamaba "streaking", ou sexa, correr en pelotas para entendérmonos. O de correr vén moi a conto pois aconteceu durante unha manifestación dos estudantes de Ensino Medio pola Gran Via viguesa que protestaban contra a Selectividade Universitaria. Nesta ocasión, cinco mozas de entre 15 e 17 anos puxéronse en roupa interior, fuxindo logo a todo correr ante a presenza policial. Mais pola tarde, noutra concentración en Coia, xa foron máis dunha ducia de mozas da mesma idade as que protestarían totalmente espidas, quedando outra vez non só impunes ante as leis franquistas senón que ademáis conseguirían figurar como pioneiras peninsulares deste "deporte" que se popularizaría nestas datas. Cabe lembrar tamén que no ano seguinte 1975, xa se practicaba o nudismo na praia de Figueiras en Cies e na de Barra en Cangas, na que neste ano xa se efectuaran denuncias e detencións por atentar contra a moral.

Mais, tamén neste ano, había ter lugar o xuizo de Noia contra os nudistas de Baroña no que os nudistas conseguirían, co apoio de máis de mil firmas (algunhas de cargos relevantes) unha permisividade en determinados areais para albergar estas prácticas naturistas. A defensa de Cancio naquel memorable xuizo pasaría á historia, ao citar como testemuñas, non só a recoñecidos pensadores cristianos senón tamén ao lider da oposición Manuel Fraga e ao presidente do goberno Felipe González. Alegaba Cancio que ambos os dous tiñan infrinxido tamén a Lei franquista vixente sobre o baño, incorrendo no delito ou falta de escándalo público tal e como aquela tipificaba. As probas que mostraba o defensor dos nudistas eran contundentes e inequívocas pois nelas mostrábase ao presidente do goberno utilizando un provocativo bañador tipo braga ou tanga. Na imaxe de Fraga, aparecía este co modelo Meyba, chamado "Bomba de Palomares", que ainda que máis recatado, tamén estaba prohibido pois a Lei consideraba como falta o non utilizar o albornoz para o baño en lugares públicos. O nudismo atoparía logo acobillo noutras praias como a do Pedrón en Bueu, a de Melide en Ons, a dos Alemáns en cangas e algunhas de Moaña a onde acudían adoito os "hippies" como lles dicía despectivamente a xente e de aí a canción dos Siniestro "Matar hippies en las Cies".

Xa que logo e ainda cos veciños en contra disto, Barra quedaría autorizada nos seus 800 metros para a práctica nudista, alcanzando unha grande proxección mediática baixo reclamos que a consideraban, segundo un xornal santiagués, como el mayor arenal nudista de Galicia. Apesar de que en 1989, o parlamento español tiña despenalizado a práctica nudista, ainda haberían de continuar as multas, desaloxos e detencións dos practicantes do naturismo. Ante isto, a Coordinadora Nudista de Galicia decidiu dirixir primeiro as suas reivindicacións a Felipe González0 ao ter coñecemento de que o presidente do goberno practicaba o nudismo. Ao se facer público, incluso a nivel internacional, que tamén o Rei de España exercía a mesma afición, os nudistas galegosa farían público en 1995, aquel famoso comunicado que intitularon "En Real y muy Noble Pelota Picada" no que daban conta dos reis, príncipes, princesas, nobres e altos persoeiros que practicaban nudismo sen que os detivesen ou multasen.

E así, non só se normalizaría a práctica do nudismo senón que incluso a do xeralizado campismo libre comezaría a ser controlada. Mais a apertura da ponte de Rande e con Vigo en plena "movida", media cidade comezaría a arribar a Cangas atraída polos areais e tamén pola facilidade de obter permiso para erguer un "ghalpón de uso aghrícola" a pé de praia. Nestas datas tamén xurdiría o coñecido término "jodechincho" para designar aos foráneos, tendo en conta que o 25% dos usuarios eran europeos, outro 25%, españois e o 50% galegos, estes basicamente do Morrazo e de Vigo. Ante isto, Rodrigo Freire, xerente de Vapores de Pasaje, xa andaba a solicitar rutas directas desde Vigo ás praias e nun alarde de marquetin, tamén acuñaría un chamativo, inxenioso e sorprendente eslogan para acaparar viaxeiros: Ven con nosotros a la erótica playa de Barra.

Rocanrol: Cangas, capital do Heavy Metal

Andaban un cacho aboiados os metaleiros do Morrazo con aquilo de ter que se desprazar ao Resurrection Festival norteño e dicidiron armala por conta propia no Kanekas Metal Festival. E é que isto do "rocanrol" e do metal xa vén de vello pois segundo as fontes "históricas orais" ás que nos referiamos anteriormente, semella que en 1983, un ano antes do conflito cos nudistas, os Rolling Stones actuaran no Hio. Como xa tiñamos sabido por boca de Toño Rubio, dono da emblemática sala "El Disconcierto", da sua intención de traer aos "Rollings" a Cangas, aflorou a dualidade galega entre un mar de dúbidas, mais tamén de posibilidades sobre este asunto. E a historia, como sempre, veu poñer as cousas no seu sitio, igual que a Lei aos nudistas. Resulta que o devandito ano e no baile vello do Hio, aparte do costume das orquestras, tiña actuado por primeira vez na sua historia o grupo local de heavy "Astarot" co grupo vigués "Criter" de teloneiros, ou viceversa xa que non podemos aseguralo pero os primeiros xogaban na casa. A decibélica música, as cancións, a vestimenta e as melenas deron fe, ao menos para algúns dos veciños, de que alí estaban os Rolling Stones e punto. Para fiarse das fontes orais. Antes de pasar a Vigo, este grupo tíñase movido por pubs da comarca como "A Laxe" de Bueu, o "Gran Sol" de Nerga e a discoteca "Fantasy", primeira de Cangas en abrir no ano 1977. Certo é que desde o 1979, unha boa parte da parroquia musical canguesa se reunía arredor do local "Riverside", logo "Jazz Vivo" ou do "Irakere" de Tomás e Moncho con presenza de músicos internacionais ou cataláns como Max Sunyer e Teté Montoliu de inesquencible memoria. Mais á par, cando en Vigo emerxía a chamada "movida viguesa", en Cangas había darse unha gran eclosión musical entorno ao "heavy". O gran templo cangués deste estilo roqueiro, a "capital do heavy galego"nestas datas, ía ser a antiga "Fantasy", máis coñecida como "Chichao", nome que seguiría vixente apesar de mudar de donos e de nome. Agora chámaríase "Saturno 3" e abriría no 1984, outra vez a onomástica, para acoller a numerosos seguidores desta música que pululaban por determinados locais de Cangas sen ter onde meterse nin onde liar un canuto. Claro que, a sona desta sala e o cheo de Astarot e Hamlet terían boa culpa de que cada fin de semana, unha manchea de "metalistas" de todo o Morrazo e moitos vigueses, traspasasen a ria, fuxindo da "movida", que estes cualificaban de "histérica, exhibicionista e pachangueira".

A "movida do metal" habería ter representantes do punk do oitenta como "Os Raiados" de Moaña e no 1986 con "Kaos", outro grupo emblemático e continuado por outros como Nabarraka; Emerson, Pitt y Phaldy; Stoupakráneos; Sinnania; Rapakús; Amarcord... E deste "rock de batea", a sala mudaría no 1989 a xestión e o nome, denominándose agora "Disconcierto". Alternando estilos, acollería actuacións de alto nivel, como Obús, Barón Rojo, Os Suaves, Doctor Felgood, Uriah Heep, Saxon, Inmaculate Fools, Water Boys, Wilco... e incluso a prevista actuación dos Rolling Stones da que xa falamos. Mais tamén actuarían aquí grupos latinos como os cubanos Van Van (cuxo lider Juan Formell faleceu en maio deste ano) ou Juan Luis Guerra.

E o "rubio de batea"? Pois non é máis que a ligazón entre as partes deste artigo, xa que se desembarcaba nas praias, comprábase nos bares e consumíase liado nas discotecas a ritmo de "rocanrol" local ou foráneo que tanto tén.