Os inicios do s. XIX foron convulsos na política Española e tamén, aínda que cun pouco de retraso, na galega.

Polo 1808 estaba coma prior do pequeno mosteiro de Ermelo, dependente de Poio, Frei Agustín García Evia, home temeroso da deriva política e social na que estaba sumida España.

Para facer fronte á nova realidade da man dos franceses que estaban a modificar o eixo político e a calar na sociedade española medidas liberais que, con outras, tentaban rachar co Antigo Réxime, Frei Agustín, oficialmente a título persoal , implícase e fai un donativo de 300 reais de vélaro para auxiliar ás "actuais urxencias da Nación" .

Das protestas e levantamentos armados nos primeiros meses do 1809 no ámbito sur da provincia pontevedresa atopamos moitos abades e cregos encabezando os recrutamentos e formando parte das Xuntas de Goberno ; pero, que teñamos constancia, ningún freire de Ermelo nin abade de Bueu deu o paso de liderar calquera actividade contra os franceses .

A poboación estaba afogada cada vez máis porque á morea de impostos dos foros, dezmos, lutuosas, ... e ás débedas forzadas polos períodos de escaseza engadéuselle a recadación para a guerra así como a incautación de propiedades e provisións. Todo isto, mesturado coas proclamas contraditorias do conservadorismo e do liberalismo, anima a que, nalgúns casos inténtese aproveitar o poder de convocatoria xerado polo conflito bélico para implantar liberarse de cargas impositivas, foros, etc.

Por iso non é de estrañar que no 1809 houbera unha reunión de veciños da comarca en Berducedo (Moaña) na que se lles propoñía ir ao Priorado de Ermelo, quitarlle a documentación onde estaban relacionados foros e rendas e logo queimala e así quedar liberados para sempre de tales cargas. Neste caso constatar que os veciños opuxéronse a tal proposta .

Un ano despois, concretamente na mañá do día once de xuño de 1810 un tal Andrés Carballo "O Mozo" estivo convocando a "son de trompeta ou bucina tanxida" a todos os veciños da contorna a unha xuntanza "no sitio de costume para eses concellos e deliberacións". O motivo era propoñer posturas de forza contra o escribán que estaría levantando acta da recadación dos foros e tributos para a guerra no priorado de Ermelo.

Nesa xunta acordan achegarse á tarde dese mesmo día ata Ermelo para queixarse polas cargas impostas e negarse ao pago da débeda e tentar, pola forza, quedar eximidos para sempre da mesma. Os principais líderes son do Coto de Meiro como é o caso de Ventura González xastre de oficio e con bastante actividade e predicamento entre os seus veciños neses anos .

Entre as cinco e seis da tarde o citado Ventura González, Antonio Marco, Domingo Guimeráns, Francisco Souto, Francisco Gallego, Domingo Villar e Martín Pereira encabezando a "douscentos homes pouco máis ou menos... armados con escopetas, fusiles, fouciñas, chuzos e paus..." entran en tropel polo portal do priorado, cruzan o patio achegándose a onde estaban as autoridades encargadas da recadación pedíndolles "con voces as máis altivas, soberbias e desenfreadas entregara a Real Provisión... que os Señores do Real Tribunal deste Reyno libraran a instancias...do abade e monxes do mosteiro".

O escribán Ribas segue a describir o motín, tamén poñendo nunha morea de cualificativos subxectivos ás intencións dos amotinados recalcando sobre todo na idea última: "o recibo de pago, que era o IMAN das súas pérfidas maquinacións". Constata tamén que el mesmo resistiuse a entregarlles as Reais Comisións e que lles avisou das fatais consecuencias ás que se expoñían. Ao que os líderes solicitáronlle que suspendese todo o procedemento de cobrar a renda, "pois a xente, por quen o facían, estaba amotinada, sublevada e decidida coas armas a non pagar renda algunha", para iso querían recibos asinados como pagadas e así sería ata que houbese Rei , pois entendían que non o había, nin sabían por onde andaba, con quen estaba... ao que o escribán lles fixo as máis "serias e axeitadas reflexións asegurándolles que o Noso Monarca era Fernando VII a quen habiamos recoñecido e xurado...".

Ante o cariz que ían tomando os acontecementos o escribán di que tentou convencelos de que pagaran aínda que fora a metade "para atender non só o preciso sustento dos Monxes, senón tamén da Contribución Patriótica". Actitude e palabras que conseguiron dividir aos sublevados que lograron, polo menos, suspender o acto de recadación e evitaron que chegaran a ocorrer cousas peores.

O escribán Juan Antonio de Ribas instou á Superioridade para que tomara as Providencias máis oportunas para que lles servira de castigo aos amotinados ou cando menos, aos seus xefes, así para que tamén servira de exemplo e freo no sucesivo a outros. A pesar de todo parece que os convulsos acontecementos, con profundos cambios, xurdidos ao longo deses anos fixeron pasar páxina . Mais non todo volveu a ser igual...

*Mestre xubilado e investigador de Bueu