Despois de oito anos de rodaxe, o "Revoltallo en pedra" está máis que consolidado na programación da Mostra, que ofrece así unha oferta dinámica para encher toda a xornada con xente "da casa", que atopa unha oportunidade para expoñer ou representar o seu traballo diante dun público heteroxéneo. Cronoloxicamente, foi a exposición "Acordaos de nosotras", de Pablo O Pastor, a encargada de abrir boca na Capela do Hospital, ao mediodía. O foco non tardou en desprazarse ata o palco instalado na explanada de Ojea, ao que subiron os alumnos e alumnas da Bombox Escola Urbana (ximnasio Di Som) para dar conta do espectáculo "Urban dance show".

Pola tarde, e coa mirada posta nun ceo gris que deixou escapar algunha auga a últimas horas, os Xardíns do Sinal acolleron a representación de "Tres comedias nunha", que puxo en escena o grupo de teatro inestable da Escola Xerpo, pouco antes de que a Casa da Cultura acollera "La Cenicienta (epílogo) polos membros da Asociación Juan XXIII. As primeiras pingueiras fixeron levantar antes do previsto a performance "A árbore do teatro ten os seus froitos no Morrazo", organizada na Alameda Vella pola asociación Entre Bambalinas e que contou coa intervención de artistas e escritores ligados dalgún xeito á Revista Galega de Teatro (RGT). Vanesa Sotelo, Pedro Pablo Riobó, Xosé Manuel Pazos, Salvador del Río, Santiago Cortegoso, Henrique Harguindey, Xosé Vázquez Pintor, Héitor Mera, Lito Portela, Carlos del Valle ou Agustín Bastón estaban entre unha ampla nómina de destacados creadores, e mesmo algúns se ofreceron para asinar obras ao público interesado.

Antes desta performance na Alameda Vella os máis pequenos puideron disfrutar dos contos "O morcego tres cabezas" e "A que sabe a lúa", mentres que a danza e o baile retomábanse nas naves de Ojea e no adro da igrexa. No primeiro escenario cos espectáculos "Mundo Disney", pola escola de Inés Núñez, e "Bailando a rúa", da escola de baile Chachachá; e no segundo, con "Danza na rúa", polo alumnado de Maite Quiñones, e "Danza oriental", por Marga Outeiral e alumnas.

Os encargados de baixar o telón da xornada do "Revoltallo" foron os actores e actrices da Escola Municipal de Artes Escénicas de Cangas (EMAEC) coa representación no Auditorio do "Soño dunha noite de verán", aínda que a meteoroloxía non dera moitas pistas do estío.