Trátase dunha pequena fábula que xoga as bazas da tenrura e a parodia benévola, pero que baixo esa aparencia amable agocha unha lectura máis subversiva. Dous personaxes aparentemente antagónicos, un executivo e unha mendiga, atópanse nun parque e inician unha relación imposible que, maxicamente, se converte nunha entrañable historia de amor. Poderiamos afirmar que se trata da colisión de dous mundos representados por dous tipos de bancos: os que manexan as finanzas e os que dan de durmir aos "sen teito". As dúas caras dunha vella historia de dominación cuxos protagonistas acaban confluíndo nos sentimentos máis humanos.

Todo resulta moi idealizado, claro está, pero ese punto de partida permite unha sucesión de disparates cómicos que son o equivalente dunha especie de acracia que dispara contra todo convencionalismo. O humor do pobo sempre ridiculizou o protocolo e a etiqueta porque adiviñaba neles unha forma de opresión, e por iso o relato procaz aparece en todas as culturas como unha fórmula universal de liberación. A compañía Grappa Teatro bebe desas fontes populares e transfórmaas nunha linguaxe chea de poesía e de hilaridade cordial.

Ao final, o executivo descobre que o lugar que ocupa non é o que realmente lle pertence nin o que verdadeiramente desexa, e inicia unha aventura cuxo final ignoramos pero cuxa integridade ética adiviñamos. A clave está nesa pequena ensinanza moral que apunta ao triunfo do humilde sobre o altivo, da espontaneidade sobre a impostura.

Non obstante, nada funcionaría igual se non fose pola formidable técnica dos actores: atopan a medida exacta no xesto que substitúe a palabra, outórganlle á mímica corporal e facial un enorme valor expresivo e conseguen mesturar comicidade e traxedia con recursos elocuentes e sinxelos. Non evitan o clixé, pero outórganlle un aspecto renovado grazas á honestidade coa que se enfrontan á historia. A dirección de Paco Mir, da compañía Tricicle, déixase notar na concisión narrativa, na precisión do ritmo con que se desenvolve a acción, na atención a cada un dos detalles que fai avanzar a trama.

O público non foi alleo a esta desenvoltura: entrou na obra dende o principio e foi aumentando o seu entusiasmo e admiración. Aplaudiu ao final de varias escenas e ovacionou con xenerosidade ao final do espectáculo.

(*) Crítico teatral