Miguel Ángel Solá é un actor que, sen demérito do seu enorme talento interpretativo, lle debe unha boa parte da súa celebridade a unha voz privilexiada -fermosa e educada- que o fai inmediatamente recoñecible e, para unha gran parte do público, entrañable. Non é de estrañar, daquela, que trate de explotar esa aptitude a través da combinación de dous medios que dependen case exclusivamente da expresividade da voz humana para ser efectivos: a radio e o teléfono. Como por un tubo recrea un programa de radio arxentino dos anos cincuenta no que se narra a historia dun home que, rexeitado pola súa amada, se pecha na súa casa e só mantén contacto co exterior a través do teléfono.

Velaí a oportunidade de apoiar un espectáculo na sedutora voz de Solá, que ofrece un auténtico recital dos seus variados rexistros cunha versatilidade e frescura abraiantes. Está moi ben arroupado por un espléndido elenco que achega a música, os leves toques de humor porteño, a pequena dose de glamour que require a melancolía da recreación histórica. Destaca, sobre todo, a elección dun narrador en forma de sombra chinesa que exerce de conciencia e fustrigador do infeliz protagonista da montaxe: o elemento máis orixinal dunha posta en escena rutineira e descoidada.

O problema é que toda a intriga xira sobre unha única situación e que toda a batería de recursos destinados a alixeirala (as cancións, as parodias de anuncios, as intervencións en vídeo) non son quen de nutrila e enriquecela: o seu cometido é ternos entretidos un chisco máis para encher o tempo regulamentario dunha función estándar. Axiña medra a sensación de que as accións se repiten indefinidamente e que a trama non avanza cara a ningures.

Tamén existe, todo hai que dicilo, a sospeita de que hai referentes culturais que serían inmediatamente recoñecidos na Arxentina pero que aquí pasan desapercibidos, como sucede con algunhas brincadeiras que xogan coas diferenzas entre os significados dalgunhas palabras no castelán da península e o de América.

A profesionalidade dos intérpretes, a inmediatez dalgúns recursos cómicos e algúns momentos realmente inspirados van axudando a chegar ao final sen maior queixa. Para moitos espectadores, esta mestura de sentimentalismo e humor amable é suficiente. Para outros, entre os que se atopa este cronista, resulta un divertimento que dura demasiado para o pouco que ofrece.

O sábado parecían prevalecer os primeiros, xa que se aplaudiu con verdadeiro entusiasmo. Talvez en recoñecemento do traballo dos artistas que, sen dúbida, o merecían.