Son tres monólogos entretecidos de tres mulleres dunha mesma familia: tres xeracións enfrontadas aos grandes temas -o nacemento, o amor, a morte- que resumen traxectorias vitais diferentes pero unidas polo denominador común da busca da felicidade nunhas condicións que distan moito de ser as idóneas para o desenvolvemento dunha existencia plena. A capacidade de resistencia e o poder de restablecemento convértense no tema dunha obra que apunta máis alá: á reivindicación da fortaleza e a enerxía das mulleres da clase obreira.

O acento está posto sobre as diferenzas xeracionais. Para a case adolescente Amber, o sexo é un elemento facilmente accesible, aínda que iso non a axuda en absoluto a resolver os seus problemas de relación cos homes. Para a súa nai, Lorraine, unha muller de mediana idade, unha cita convértese nunha fonte de ansiedade que multiplica a súa neurótica obsesión coa limpeza e a orde ata o punto de querer amañar o cuarto onde vai consumar o romance co seu potencial amante. Quizais a máis envexable é a sesaxenaria Kay, quen, malia os seus erráticos e hilarantes experimentos cun vibrador para combater a frustración sexual que lle provoca a súbita enfermidade do seu home, posúe as certezas que outorga a memoria dun longo e feliz matrimonio: un sólido refuxio contra as inclemencias da vida que as súas descendentes non foron quen de asegurarse.

O texto transita un territorio cordial, cheo dun humor escintilante pero contido e, ao tempo, dunha gran dose de tenrura: elementos que non logran ocultar de todo a dureza da paisaxe social sobre a que deben construír as súas vidas as tres protagonistas da obra. Só ao final a amabilidade se converte en compracencia, manipulando un chisco o desenlace para forzar un final feliz que se adiviña menos idealizado do que aparenta.

O sentido, como é lóxico nun espectáculo destas características, descansa fundamentalmente sobre as interpretacións, e aquí radica gran parte do interese desta montaxe, xa que as tres actrices posúen linguaxes interpretativas distintas que axudan a perfilar as personalidades das súas personaxes. Rocío González sabe marcar moi sutilmente o paso da despreocupación un tanto inconsciente de Amber ata a grave melancolía que a invade cando as responsabilidades da maternidade se lle impoñen. Mercedes Castro amósase moi cómoda na oscilación entre a angustia cotiá de Lorraine e a tranquila relaxación que adquire ao sentirse o obxecto do interese dun estraño. E a Kay de Elina Luaces resulta fondamente conmovedora no seu rexeitamento de calquera tipo de autocompaixón e na franca sinceridade do amor polo seu home.

Tal vez a elección da forma dos monólogos trenzados pesa un pouco no avance da acción que, cara ao final, arrisca a súa eficacia pola excesiva dilación dun desenlace convincente. Non obstante, o público déixase vencer pola veracidade dos sentimentos expostos e permanece atento ata o final. Nesta apertura da Mostra de Cangas, estivo moi a gusto: entrou no tema, riu cando tocaba e aplaudiu ás actrices con xenerosidade e merecido recoñecemento.