A freguesía de Tirán, que o día 24 de xuño honra ao seu patrón, San Xoán Bautista, foi a que achegou o menor número de habitantes, 276, ao novo axuntamento constitucional creado en 1836, no que destacaba Moaña con 1.700, Meira, elixida como capital do concello, con 762 e Domaio con 559. Recentes investigacións confirman que, ademais da fábrica de salgadura que o Sr. do pazo moañés de Paxarín, D. Pedro Benito Rubiños, mandara erguer nun soar, comprado por el en 1792 na aldea do Con, un coñecido seu chamado D. Pedro Fernández Guerra, avogado e residente en Marín, mercou, conxuntamente coa súa muller, Dª. Tomasa Anguiano, a denominada Granxa do Con, con capela e casa grande, en cuxa adega instalou outra salgadeira; así consta nun memorial de bens que foi asinado en 1805, poucos días despois do seu pasamento, o cal se conserva no Museo de Pontevedra; nel reflíctase que, entre outra moitas propiedades, deixáballe a súa única filla, Dª. María del Carmen Fernández Anguiano, a seguinte herdanza:

Las casas con sus lagares de hacer sardina y de mostar vino, antecasas con sus cubiertas tejadas y maderadas de pino con la capilla, esta madera de castaño, hórreo y palomar, todo dentro de la dicha Granja del Con, considerando su construcción al presente, su valor cincuenta mil reales.

Nese lagar, dende finais do século XVIII, prensaban sardiñas, despois de somerxelas durante varios días en pías de salmoira, que aínda se conservan; este sistema de salgado, e posterior prensado, implantárano os fomentadores cataláns que chegaran ao litoral galego poucos anos antes.

Logo de herdar a Granxa do Con, Dª. Mª. del Carmen, asinou contratos de alugamento con veciños de Tirán e Moaña para que seguiran cultivándose os terreos e continuara a actividade na industria salgadeira.

A nova propietaria da granxa casou en Marín, onde nacera, co militar de Vigo D. Francisco Javier Núñez; con el tivo varios fillos, aínda que a súa familia pronto quedou reducida pois, morreulle o marido en 1809 durante a Guerra da Independencia e tres deles, militares o mesmo que seu pai, finaron durante as revoltas ocorridas en 1823, a finais do trienio liberal. Por esa causa, soamente dúas fillas, Dª. Josefa e Dª. Tomasa continuaron vivas, logo de finar súa nai.

A maior, Dª. Josefa, herdou o pazo do Couto, ou dos Núñez, xunto coas demais propiedades que seu finado pai posuíra en Vigo e a menor, Dª. Tomasa, casada co fidalgo berciano D. José Méndez Guadarrama, foi mellorada na herdanza da nai porque, segundo expón no testamento, estaba en peor situación que súa irmá debido ao escaso soldo que, como funcionario de correos, cobraba o marido. Ademais desa circunstancia, tivo en conta:

? que la Dª. Tomasa vive hace años en mi compañía, soportando paciente y ejemplarmente el trabajo consiguiente al manejo de la Casa, y con una constante humildad, y respeta las impertinencias de mis genialidades, que confieso son frecuentes, por mi genio vivo y algo violento?

Polo exposto, nada máis producirse a morte de Dª. Mª. del Carmen Fernández na súa casa de Pontevedra, a filla, Dª. Tomasa sucedeulle en 1860 na propiedade da Granxa do Con e do resto do meirande patrimonio que a nai gozara en Marín, Pontevedra, Valga, Vilagarcía, Rianxo, Padrón, Domaio, Meira, Moaña, etc.

Ao ter que cambiar a miúdo de domicilio, debido á profesión ambulante do marido, os oito fillos do matrimonio naceron nos seguintes lugares: a maior, Trinidad, en Vilafranca do Bierzo; a segunda, Soledad, en Vigo; a seguinte, Teodora, tamén en Vilafranca; Casto e Cayetana, en Vigo; Jenaro e Mª. del Carmen, en Marín e o máis novo, Isidro Méndez Núñez, en Pontevedra.

Neses anos, a Granxa do Con continuaba alugada, xuntamente coa salgadeira, da que consta nunha relación de froitos do ano 1863, gardada no Museo de Pontevedra, o seguinte apuntamento:Por el alquiler de la Fábrica del Con ---1.100 reales.

Doña Tomasa finou en Pontevedra o 2 de febreiro de 1868 cando o fillo, D. Casto Méndez Núñez, atopábase en Montevideo mandando unha escuadra, despois de participar, dous anos antes, nos heroicos bombardeos dos portos chilenos de Valparaiso e Callao. Poucas semanas máis tarde, ao distribuír a herdanza materna, a Granxa do Con pasou a ser propiedade do senlleiro mariño de guerra e das dúas irmás que continuaban solteiras; este, chegou co barco a Cádiz, a finais dese ano, para trasladarse de seguido a Madrid onde renunciou ao cargo de tenente xeneral que lle ofrecera o goberno. Na data do 29 de xaneiro de 1869 volveu, por fin, a Pontevedra onde foi recibido coas máximas honras, aínda que o gozo duroulle pouco tempo pois, ás escasas semanas de regresar á capital de España, para facerse cargo da vicepresidencia do almirantado, fendéuselle a saúde o que lle obrigou a viaxar por tren cara a Lisboa e dende alí poñer rumbo, nun barco da armada, a Pontevedra onde finou, en estado de soltería, o 21 de agosto do ano 1869 á idade de 45 anos, na vivenda familiar da Praza da Herba; na actualidade Praza de Méndez Núñez.

A Granxa do Con, que na época do ilustre mariño comezou a denominarse "Real", quedou en poder das irmás, Soledad e Cayetana; non obstante, por finar esta última poucos anos máis tarde, Dª. Soledad Méndez Núñez converteuse na súa única propietaria.

Na data do 23 de agosto de 1872, o rei Amadeo I concédelle a seu irmán, D. Jenaro, o título de marqués de Méndez Núñez, con escudo que situaron nunha parede da vivenda principal e na portada da capela. Nel aparecen, baixo a coroa do marquesado, os catro apelidos da familia: Méndez, Núñez, Guadarrama e Fernández.

Alfonso XII visita a tumba

Ao baleirar o cemiterio de Pontevedra, onde fora sepultado D. Casto, para construír unha rúa, as súas cinzas, xunto coas da súa familia, trasladáronse na data do 31 de abril de 1875 á capela do que xa era denominado como Pazo do Real. Dous anos despois, en agosto de 1877, atopándose o rei Alfonso XII en Vigo, cruzou a ría para visitar a nova tumba e ao comprobar que era moi modesta, mandou que lle procuraran outra de máis grandiosidade o que aconteceu en xuño de 1883, cando embarcaron as súas cinzas nun navío de guerra, rumbo ao panteón de mariños ilustres de San Fernando, onde repousan dende ese ano.

No intre do pasamento de Dª. Soledad, a comezos de 1906, a propiedade do Pazo do Real pasa en usufruto a seu irmán D. Jenaro; non obstante, poucos días despois do enterro, xúntase este co outro irmán, D. Isidro, para renunciar ambos os dous á súa propiedade, en favor do fillo deste último, D. Casto Méndez Núñez Velázquez quen, por finar solteiro en 1937, nomea sucesora a súa sobriña, Dª. Rosalía Méndez Núñez Martínez Arnaud, cuarta marquesa de Méndez Núñez.

Na época da marquesa, a Corporación municipal de Moaña, en sesión ordinaria do 11 de outubro de 1950, tivo en conta, entre outros, o feito de que os restos mortais de D. Casto Méndez Núñez estiveran enterrados na capela do pazo do Real, dende 1875 a 1883, para modificar o escudo do concello, engadíndolle na parte superior a coroa do marquesado e debaixo dela:

... una fragata como recuerdo y evocación de la "Numancia" nombre de la que mandaba D. Casto Méndez Núñez, en dicha gloriosa batalla del Callao, simbolizando al mismo tiempo esta nave la condición marinera de la villa de Moaña.

A marquesa vivía de cotío no pazo do Real cando, no ano 1961, presenta solicitude para urbanizar a granxa, na súa calidade de propietaria. Deste xeito, deu comezo a vía administrativa para converter a antiga Granxa do Con na maior urbanización e a máis grande concentración humana nunca antes rexistrada no actual concello de Moaña, aínda que executada dunha maneira un tanto caótica, deixando para uso da marquesa e da súa familia as casas, hórreo, pombal, capela, xardín e un pequeno retallo arbóreo a carón do pazo.

Dª. Rosalía Méndez Núñez morreu en Barcelona o 28 de decembro de 1985 e a enterraron na capela do Real; deixou por herdeiro ao seu fillo, D. Eduardo Suarez del Rivero Méndez Núñez quen, no BOE do 4 de xuño de 1987 foi nomeado 5º marqués de Méndez Núñez.

A familia Méndez Núñez deixou de ser propietaria do Real no ano 2004 cando vendeu o pazo, xunto co resto de construcións e terreos, á inmobiliaria ourensán Promotora San Bieito; esta empresa o mantivo pechado, e deste xeito continúa, logo de producirse un incendio na casa grande, o día 13 de novembro de 2009, que lle da o aspecto tan ruinoso que ten na actualidade.

(*) Investigador de Moaña