Frescura, diversión ou emoción nunca faltan nos eventos organizados por Aspamsim, a asociación de familiares de persoas con discapacidade intelectual do Morrazo que ten experiencia dabondo para traballar con ilusión a prol de achegar á sociedade os problemas e singularidades deste colectivo. E onte fíxoo sintonizando o 88.3 no Auditorio de Cangas a través do espectáculo "Radio Aspamsim", que combina teatro, música, baile e humor, ingredientes esenciais dunha fórmula de éxito. O público soubo valorar o talento e o esforzo dunha trintena de usuarios e os seus monitores cunha batería de aplausos desde o patio de butacas.

O singular show emula un programa de radio en directo no que se inclúen diversas seccións características dun informativo radiofónico, como noticias, conexións en directo, boletíns informativos, deportes, carteleira de cine, o tempo ou entrevistas con personaxes de actualidade da comarca. Todo amenizado con música en directo a cargo da Aspamsim Blues Band facendo as delicias dos asistentes.

Gracias aos colaboradores

O encargado de conducir o radioespectáculo que mestura música, baile, reivindicación e bo humor , e que non deixou a ninguén indiferente, é Pedro Riol, acompañado por ilustres colaboradores. Con esta iniciativa, Aspamsim pretende "simpatizar con todas aquelas persoas, empresas e administracións que ao longo dos meses colaboran con nós de forma desinteresada".