Manuel Pena (Moaña, 1945) leva cinco anos sendo a cara visible do sector relacionado co mar en Moaña. As eleccións convocadas en principio para o 28 de xuño porán fin a súa etapa como patrón maior, entre outras cousas porque está xubilado, despois dunha vida enteira adicada ao cultivo e venda do mexillón.

-Cinco anos na Confraría e toda unha vida ligado ao mar, non?

-A realidade é que só tiña que botar dous anos de patrón maior, porque me xubilaba. Pero se amontonaron os temas e decidín seguir ata agora. A traballar no mar comecei aos 16 anos, xa no sector das bateas. Marchei en 1956 a Venezuela. Estiven alí catro anos. Ao vir mercamos permisos para as bateas e fondeamos a primeira batea en xuño de 1961. Dende entón estamos nese sector, excepto en dúas campañas que marchei para Holanda. Daquela non había moitas bateas. Comecei co meu pai.

-Deixa o cargo obrigado pola xubilación ou tamén porque xa tiña gañas dun cambio?

-Xubilado non che permiten seguir. Penso que é un erro, porque hai xente de mar xubilada moi aproveitable para estes cargos, incluso de pesca de altura, que se xubilan xóvenes. Non hai dereito a que un mariñeiro que vai ao mar de noite teña que estar pendente tamén de ir ás reunións. Pero eu seguramente non seguiría, porque implícome demasiado e despois nos descansas.

-Que balance fai destes cinco anos?

-Non hai dúbida de que collemos unha época mala. A crise afectounos moito. Tentamos facer algo que non se houbera feito antes. Nos catro antos anteriores Moaña estivo moi marxinada e conseguimos reavivar a relación coa Consellería do Mar, pero agora non hai cartos. Os proxectos que había como a ampliación do muelle de A Mosqueira foi un fiasco, porque se iniciaron as obras pero saíron mal e non había cartos para facer outro proxecto que solventase o fango que hai no fondo nesa zona. Aínda están os bloques almacenados.

-Foron uns anos máis relaxados para o sector que en Cangas, cos problemas do proxecto de Massó. Sodes máis tranquilos os mariñeiros de Moaña?

-Non é que sexamos máis tranquilos. Son temas que saen en momentos puntuais. Evaristo Fernández tivo que enfrontarse a ese problema naquel momento, e tivo a colaboración de todos os patróns maiores da provincia de Pontevedra. Son temas que hai que afrontar. Eu antes de ser patrón maior estiven implicado no tema de Petrovigo, e conseguimos que non se instalara. Pero eses temas aos que hai que enfrontarse son duros, xeneran problemas incluso a nivel persoal e familiar.

-Das cousas que acadou á fronte da Confraría de Pescadores, de cal se sinte máis orgulloso?

-Pola crise non houbo moitas melloras. Conseguimos cambiar o pantalán de Meira e deixar encaminadas cousas como que se lle dera licenza de actividad á rampa de varada de Meira, que agora está pendente de que a empresa adxudicataria se poña a funcionar. Temos conseguido tamén o pantalán para O Con, no que tamén estamos pendentes de que a Consellería de Economía libere os cartos para que Portos de Galicia poida licitar a obra. Pero é algo que xa está ahí.

-Cales son os retos que quedan para o vindeiro patrón maior de Moaña?

-Eu penso que o reto que queda grande de verdade é a loita para conseguir a ampliación do muelle de A Mosqueira e do muelle de Domaio. Son obras moi caras pero son imprescindibles, porque os barcos están amontonados, se perden moitas horas ao saír a traballar, con moitos problemas. Non hai forma de saír cando hai ata seis barcos abarloados. Na Mosqueira sacar os barcos pequenos para o pantalán do Con será un alivio grande.

-Como se atopa o sector? Acusades moito a crise?

-Na Confraría a nivel de marisqueo, por exemplo, o sector está ben. O problema que temos estes dous últimos anos son os prezos, porque as capturas incluso aumentaron e as ventas foron ben. Coa crise a xente paga menos. O sector aguanta e asume que agora non se chegan aos prezos de hai uns anos. A proposta da nosa Confraría era que os mariscadores podían ir ao mar todo o ano, pero para iso habería que explotar conxuntamente entre varias confrarías a batea de engorde que temos para semente. O gasto de comprar semente é moi grande só para Moaña, e despois se benefician todas as zonas do fondo da ría.

-O mar é un sector con futuro para as vindeiras xeracións?

-A pesca interior, nas rías e no entorno das illas, ten futuro. A pesca artesanal ten o problema do saneamento das rías. Coas augas limpas se produciría máis. Hai vida para moitísima xente nas rías. Penso que debería haber máis xente xoven entrando neste sector. Algúns si que collen o relevo do oficio dos pais agora, coa crise.