Xa vén de vello a nosa relación, chamémoslle sentimental, co lugar da Ameixoada, topónimo polo que nos interesamos cando lle escoitamos ao noso profesor, etnógrafo e académico da RAG, Taboada Chivite, referir unha celebración que el incluiu nos abundantes rituais de Maio en Galicia. O texto publicado no 1957 baixo o epígrafe de "O culto ás árbores en Galicia" dicía: En certas prácticas piadosas atísbase a sua etioloxía pagana como acontece na Ameixoada na celebración da Festa dos Carballos. Ata hai pouco, nela bendicíanse os carballos cun boneco ou "santo" feito tamén de madeira de carballo. Pasados os anos e xa metidos en labores de estudos etnográficos, foi o colega Clodio González quen nos demandou información sobre este lugar que xa aparecía grafado como A Meixoada. Nestas datas, a festa xa non se celebraba e a única referencia á mesma semellaba reiterativa e similar en todos os veciños de idade: "Unhas veciñas que vivían perto da Casa de Pasarín tiñan atopado cara o ano 1920 na carballeira de Remeirás, unha pequena figura enterrada e moi deteriorada á que, segundo vellos relatos, se lle atribuiron propiedades milagrosas e sanadoras. Unha destas veciñas, María da Galla era a encargada de custodiar a imaxe, denominada San Remeirás en alusión ao lugar do achado, para sacala na celebración de cada ano". Sobre a data e orixe desta figuriña cabería elucidar sobre unha procedencia da Casa de Pasarín (1613) posiblemente afectada no ataque dos turcos de 1617 ou dunha moi anterior e medieval vila de Ramiro. E ata aquí, a historia deste santo que non o foi nin o será, ainda que se celebre popularmente, pois non posúe os prácemes oficiais da curia.

O propio nome desta festa do "San Remeirás" remítenos ao antropónimo de orixe xermánica con base nunha villa ramiranis da que podería provir o santo se puidesemos comprobar a sua antigüidade. Con relación a vellos actos de delimitación tamén consideramos o topónimo Coiro procedente dun decoriatus latino en relación con outros nomes de lugar como Encoirados (Marín, Poio...) ou Coirós, repartidos por Galicia. Esta decoira reférese ás marcas que se facían na codia das árbores para delimitar as posesións territoriais, a falta de elementos de referencia sobresaíntes como mámoas, rochas e incluso castros, como ben acredita a documentación medieval.

Ademáis destes datos, remitímoslle ao colega demandante, un estudo sobre o topónimo Ameixoada que nada tén que ver con ameixas ou con meixóns (angulas) senón cun mulione latino que evolucionaria en moxón. Os documentos medievais referentes a este topónimo son abondo elucidativos para saber a procedencia de moitos nomes de lugar actuais: moxous>moxoos orixinaron o de Mixós e tras desta raíz latina podemos atopar outros nomes como Mauxo / Mouxo ou Meixoeiro / Meixoeira que equivalerían a moxón e moxoneiro. Todos estes nomes coinciden en que se ubican en lugares que precisaron dun exercicio de amoxonamento para sinalar limites territoriais conflitivos. Ameixoada, pois, reférese, a algún destes actos levados a cabo na antigüidade tal como testemuñan os numerosos e coñecidos pleitos nos que participaron os Soutomaior, Romai, Mondragón, Pazo do Rosal ou os mosteiros de Melón e Ermelo. Mais, entre os conflitos máis sonados e frecuentes, estaban os que mantiñan os párrocos polo cobro dos décimos, aproveitando a bendición das casas pola Pascua de Flores. Como por veces se extralimitasen (aquí sairse dos límites) os cregos na sua avareza, fixose necesario un amoxonamento entre Tirán e Coiro desde o mar ata a Cruz da Pedreira que logo tamén se estendería coa parroquia de San Martiño.

Pero ainda máis elucidativo sobre o carácter liminar desta zona, era o acto conciliatorio e corroborativo de que os marcos estaban no seu lugar, celebrado quizáis desde a data referida, polos párrocos de Coiro, Tirán e San Martiño. Estes adoitaban reunirse nunha finca particular perto da Cruz da Pereira onde se ubicaba o moxón que separaba as tres parroquias. Sobre o mesmo había unha mesa, denominada dos Tres curas, na que cada ano se sentaban a xantar os responsables das tres parroquias , ubicándose cadanseu na sua xurisdición. Este acto de dereito consuetudinario non cabe dúbida que asentaba a sua orixe nunha forma de rematar coa permanente conflitividade derivada do "movemento" ou desaparición dos marcos, fenómeno moi frecuente en Galicia pero pouco estudiado. Menos mal que, actualmente, a planimetría, o sixpac e o GPS fan innecesarios estes actos conciliatorios, pois a finais do século pasado, en plena voráxine urbanizadora de pistas e montes, unha máquina da Deputación deu cabo da Mesa e dos moxóns. Isto había provocar o último conflito na zona sobre amoxonamento e o carácter de limes que tén este lugar, ao entablarse un pleito, xa resolto hai uns meses, entre as xuntas de montes de Coiro e de Moaña polos lindes no Monte Pequeno.

(*) Mestre de Cangas