O "camiño seguro" é unha iniciativa para que os nenos e nenas poidan ir andando aos seus centros escolares coas máximas garantías de seguridade, e o CEIP Nazaret, de Cangas, vai ser pioneiro ao poñela en práctico os últimos 15 días do curso lectivo. Será o vindeiro luns, cunha ruta que partirá desde a rotonda do Mexilón, en Pedra Alta, cara Avenida de Bueu, Montero Ríos, Eduardo Vincenti, Praza da Constitución e Rúa Real ata o centro educativo, e outra que o fará desde a Rúa Noria, por Méndez Núñez e Rúa Real ata chegar ao colexio. Policía Local, Protección Civil e voluntarios do Concello colaborarán nas primeiras xornadas para reforzar a seguridade dos cativos nesta iniciativa promovida pola Anpa de Nazaret e a dirección do centro, e na que xa se inscribiron 16 nenos e nenas.

As particularidades do "Camiño seguro" foron debulladas onte nunha presentación que tivo lugar na Casa da Xuventude coa presenza dos concelleiros de Educación e Cultura, José Luis Gestido, e Tráfico e Seguridade, que dirixe Marisa Prieto, así como o director do colexio, Luciano Sánchez, e representantes da Policía Local e da Anpa. Estes últimos, artífices da iniciativa, sinalaron que a idea aplícase coa intención de que "os nenos vaian camiñando, como faciamos antes nós, e asuman unha maior independencia". Os interesados en participar poden anotarse ao longo desta semana no propio centro, que tamén anima a facelo aos pais e nais que se ofrezan a colaborar como voluntarios.

Será esta unha "experiencia piloto" que servirá para valorar os puntos positivos e negativos que permitan implantala con éxito en setembro, co novo curso, para o que xa están previstas seis rutas, ademais de animar a outros colexios a sumarse á iniciativa. O Concello anima a toda a veciñanza a colaborar para que sexa un éxito.