Bueu pechou onte o mes das Letras Galegas coa celebración do III Festival Poético do Morrazo, unha iniciativa organizada pola Asociación Cultural para o Debate Ricardo Gómez Buceta e o Concello de Bueu. O acto tivo lugar no Centro Social do Mar e serviu tanto para a presentación en sociedade do poemario gañador do Premio Johán Carballeira de poesía 2013, "Dun lago escuro", de Marta Dacosta, como para a entrega do premio correspondente a edición deste ano 2014, que foi para María del Carmen Caramés por "Días escuros", que no pasado xa gañara dúas edicións do Premio Matilde Bares de Igualdade.

O festival estivo presentado pola actriz Mónica Camaño e contou con varias actuacións musicais, como a do grupo Os Mulos ou a do cantautor Tino Baz. Tamén interviron dous poetas da comarca, o moañés Xosé Daniel Costas e a buenense Miriam Ferradáns, que recitaron algúns dos seus textos.