"No camiño da beiramar dimos cun home e unha muller que conducían senllos carros de bois cargados de redes que levaban á praia para secar. Ao perguntarlle que clase de aparellos eran, o home ergueu a vista e apertou os beizos. No entanto, a muller sorría coa boca tan aberta que se lle vía o pinguelo nunha boca sen dentes. Porfín, conseguimos que falase pero foi só para explicarnos que aquela carga que levaban eran artes. Deseguida o home aguilloou as bestas e os bois arrincaron. Eran duas parellas de bestas cos cornos moi abertos, que movían con fachenda. No pequeno grupo que se formou para responder as nosas preguntas había un home forte de cara ancha que parecía con ganas de conversa. Preguntámoslle se era mariñeiro e respondeu que fora patrón do seu propio barco, pero que nesta altura traballaba para a fábrica de conservas. Pedímoslle que nos explicase que clase de rede era a que estaba a secar no crebaondas. O aparello tiña unha malla de centímetro e medio e senllas bandas nos extremos da rede, máis fortes. Nunha das puntas tiña unha ristra de boureles e no outro, chumbos. Seguramente unha xábega -explicou- pero tamén podería ser un cerco de xareta. Claro que se fose un cerco tería guías na parte do fondo para poder meter a xareta. O cerco da xareta fixo historia en Cangas- comentou con orgullo".

"Falando con el achegámonos ao Café Cosmopolita que estaba encol da praia. Sentamos na terraza co patrón e co rapaz que nos axudaba coas cámaras. Pedimos café, cervexa e unhas patacas fritidas. Así que lles interesa saber como traballan os nosos mariñeros. Pois agora llo explico. O patrón pegou un grolo da sua cervexa e comezou a falar: Houbo un tempo no que nesta ría nunca faltaba a sardiña. Agora marchou e hai que ir atrás dos bancos a costa de Portugal. O único que hai en Portugal é pobreza, pero a sardiña escapou para alá por causa da dinamita. Tamén eu teño pescado co petardo, dixo mostrando o polegar e o furabolos da man dereita sen unha falanxe. Que se lle vai facer. Así que alguén utiliza a dinamita, todos acabamos por facelo. O patrón explicounos que collían sardiña na Ria durante todo o ano agás no remate da primavera: No inverno pescámola con carnada de míllaras de bacallau que mercamos na Escandinavia. Estas míllaras preparámolas esmagadas mesturadas con salvado. Nós saímos a pescar ao abrir o día e para dar co peixe hai que estar atento a sinais como po-den ser a mancha azul da sardiña na auga ou os mascatos a pescar. Os dias máis pescadores son os de noroeste co ceo entoldado. Así que damos co banco, temos que botar salvado no mar para que o peixe non poda ver nen o barco nen a rede. Inmediatamente hai que deitar a boia na que fica amarrado un dos chicotes do cerco. A seguir temos que bogar a barlovento, largando o aparello pola popa e a un tempo vaise deitando a encarnada ata que formamos un circo arredor do banco. O cerco ten de trescentos a catrocentos metros e na parte do medio anchea ata unha profundidade de cen metros. As mallas de algodón que son de menos de tres cen-tímetros están reforzadas na parte central, no que se chama o enchace e a calza ou rapé que son de doble malla e sobre estas partes van os cabos cos boureis nunha pata e as guías e os lastres na outra. Tan logo chegamos á boia, tiramos do cabo e as sardiñas quedan encerradas coma nunha bolsa. Claro que hai que estar atento para que non escapen pola boca do aparello, pero para iso montámoslle unha boa escandaleira con remos, pedras, calabrotes, cachos de vela vella... batendo na auga para asustar ao peixe. O mellor é no mes de Febreiro porque desa xa non hai que levar encarnadura: os golfiños fan o cerco da sardiña para nós e o peixe queda tan mesto que se pode case andar por riba del sen mollarse. A este oficio chamámoslle pescar ao almeiro. - no verán e no outono pescamos pola noite a ardora. Saímos co solpor e así que se mete a lua e o ceo queda tan negro coma o mar axexamos o brillo fosforescente que descobre un banco sardiñas. De mozo eu fun nunha traiña a remos pero agora pescan a vapor. Á ardora hai que ir en silencio e así que o patron fai o sinal un dos mariñeiros pega na borda cun remo e todo o mar ponse en chamas.(...)

A guerra dos aparellos

"Pedimos outra ronda de cervexa e cafés e o patrón seguiu co seu monólogo: Os cercos de xareta son aparellos grandes e aquí tiveramos unha guerra cando se empezaron a usar. Trouxéranos de Cantabria, hai vintecatro anos. Daquela o único aparello que se utilizaba era o xeito, que resultaba barato, pequeno de tamaño e duraba toda unha vida. No tempo do xeito había un mundo de sardiñas na ría, e dous ou tres homes nunha lancha de remos ou nunha dorna, pesca­ban un bon lote en cousa de duas ou tres horas. O máis pesado era sacar as sar-dinas das mallas, pero para iso estaban as mulleres na praia. - nesas chegou o cerco e menudo barullo que se montou. Cunha tripulación de vintecinco homes, un aparello de cerco levantaba tanta sardiña coma cen xeiteiros. Nas aldeas da beiramar seguiron co xeito pero os patróns das cidades cambiaron ao aparello de cerco que costaba duas mil pesetas. Aos poucos, as vilas das rías tamén se foron pasando ao cerco pero en Cangas eramos todos xeiteiros e nesa arte eramos o pri-meiro porto de sardiñas da Ria de Vigo, así que declarámoslle a guerra ao cerco. Montamos unha batalla das boas en Madrid e o goberno nomeou unha Comisión que presidía o duque de Veragua, descendente de Colón, para resolver o caso. Despois de moitos tirapuxas, o Duque acordou que as augas da Ria quedasen para os xeiteiros e que os do cerco pescasen no mar de fóra.

Naquel tempo a sardiña non paraba de entrar, segundo nos explicou o patrón: Podiámola pescar coa pucha e na lonxa de Vigo entraba unha chea dela dos aparellos do cerco. Nos portos do Norte só tiñan sardiña dos xeiteiros, que era máis cara, asi que as fábricas das Rias Altas mandaban barcos a comprar o peixe barato da Ria de Vigo. Cando os barcos retornaban cargados de peixe, os xeiteiros agardábanos por tras da illa de Ons e abordábanos, metíanlle unha tunda á tripulación e deitaban as sardiñas ao mar. Aqueles eran tempos! A guerra ainda había de durar pero Cangas non podía gañar solitaria contra o mundo. Hoxendía, nas Rias Altas, ainda pescan ao xeito pero os de Cangas temos os mellores aparellos de cerco. - tamén hai que dicir que nós fomos os primeiros que tiramos con esa escravitude dos remos das traiñas e agora pescamos ao vapor.