A sinopse da obra é o propio título, "pequenos actos pseudorrevolucionarios que non sirven para cambiar o mundo pero que fan que quedemos máis tranquilos". Porque pouca trascendencia ten para o sistema bancario que unha parella acuda á sucursal da esquina a retirar os cartos dos seus aforros, ou rouben un Papá Noel para protestar contra o consumismo e a globalización, ou que unha rapaza vaia comprar unha cantidade desmesurada de pintura rosa para... (Non se sabe para que ata que a obra chegue ao final). Son iniciativas absurdas de personaxes individuais para cambiar o mundo, un lixo nesta sociedade globalizada que a compañía Ibuprofeno Teatro receita en pastillas que expende en representacións como a que terá lugar ás nove desta noite no Auditorio de Cangas. As entradas estarán á venda nas taquillas desde dúas horas antes.

Os médicos prescriben amor e humor contra a crise, e "Pequenos actos pseudorrevolucionarios" ofréceos en altas doses nesta "comedia romántica absoluta", como a describe Santiago Cortegoso, autor e actor, xunto con Marián Bañobre, dunha obra que ven precedida por varios premios -entre eles o María Casares 2013 para os dous, el polo texto e ela pola mellor interpretación feminina- e os aplausos de crítica e público, a pesares das dificultades da "industria cultural" polas escasas axudas institucionais.

Enmarcable no teatro do absurdo, con personaxes que escapan do contexto, con escenas múltiples e desordenadas que "conforman un crebacabezas que o espectador ten que ir ordenando e recompoñendo", con diálogos áxiles e cómicos ainda que se traten asuntos duros, con innovadores recursos tecnolóxicos, a obra ocúpase máis de abrir interrogantes, de invitar á reflexión que de dar respostas universais, e afronta con respectuoso humor as pequenas batallas cotiáns no marco da crise actual. "O texto escribiuse a finais de 2012, e o movemento 15-M está moi presente", recoñece Cortegoso, un licenciado en Ciencias Políticas ao que a carreira serviulle para saber ben do que escribe e para tirarlle das orellas máis que para darlles xabrón. Porque para "Ibuprofeno" o teatro é un espacio de reflexión e o lugar lugar para compartilo é esta noite o Auditorio de Cangas.