A comarca e os seus centros educativos celebraron onte cun feixe de actos o Día do Libro, que se conmemora cada 23 de abril. Probablemente un dos máis numerosos foi o que se celebrou no instituto Johán Carballeira de Bueu, onde preto de 400 alumnos acudiron a escoitar e conversar co escritor Xosé Neira Vilas. Foi un encontro de case dúas horas e no que o autor falou da súa obra, da emigración, da defensa do galego así como dos seus proxectos de futuro. Non só iso. Neira Vilas demostrou ter un profundo coñecemento da vila xa que falou do "antropólogo e amigo" Staffan Morling, que da nome a rúa na que está o instituto, e da figura do propio Johán Carballeira.

Non foi o único escritor que estivo onte de visita por Bueu. Antonio García Teijeiro acudiu á biblioteca do colexio de Montemogos, en Beluso, onde compartiu cos rapaces o seu proceso de escritura e de preparación dun libro. Noutro dos centros educativos da comarca, en Espiñeira de Aldán, os alumnos de maior idade actuaron como padriños dos máis novos. Cada un escolleu un dos contos da biblioteca e o leu para os rapaces máis pequenos.

En Moaña o poeta Xosé Daniel Costas participou no "Biblioxardín" programado no parque do Concello pola Ludoteca. Os nenos continúan hoxe e mañán con actividades literarias.

A biblioteca de Aldán acolle o venres a lectura do conto "Pepiña Maruxiña quere voar".