Coa escultura "Memorial de liberdade", de Antonio Nores, como telón de fondo, os actos comezaron coas notas da "Internacional", un canto solidario na frauta e o acordeón de Guillerme e Pumar. Non faltou quen entonara a letra e mesmo quen o fixo puño en alto. Logo foi Chicha Nores a encargada de dar lectura á proclama da República, o discurso do presidente do Goberno provisional, Niceto Alcalá Zamora, o 14 de abril de 1931. "¡Viva España e viva a República!", remataba a intervención, que foi respondida cun ¡viva! colectivo das arredor de 150 persoas presentes na cerimonia, entre eles representantes dos grupos municipais do BNG, AGE e PSOE, así como de diversos colectivos sociais.

Chillón, en nome da Asociación Memoria Histórica 28 de Agosto, volveu tomar a palabra para recalcar a vixencia dos valores republicanos e animar a mantelos. Lembrou o acto celebrado na véspera na Cruz da Maceira, entre Moaña e Marín, e alertou "contra os aguiluchos, que seguen a ser alimentados". Logo deulle turno a Héitor Mera, que empezou criticando a falta de colaboración do Concello para dotar de megafonía ao acto e recalcou que "non se trata dun problema técnico, senón político". Logo recitou o poema "A loita continúa!" Contra a intolerancia, contra a violencia, contra o odio, contra a opresión...

A República foi rememorada polos presentes como un período fecundo para a política, pero tamén para a cultura e a creación. Guillerme e Pumar interpretaron As tres comadres en tono festivo, e a actriz Mónica Camaño pediu implicarse na liberdade do pobo, coa República como estímulo, antes de recitar un poema de "Con pólvora e magnolias", de Méndez Ferrín: "Reclamo a liberdade pra o meu pobo".

A solta de pombas, as palabras de Chillón lembrando que cada paso fai camiño "que remate nunha nova República" e, como remate, a ofrenda floral no Memorial da Liberdade, ao son do himno galego, foron coroados co grito unánime de "¡Viva Galicia e Viva a República!"