As datas en que, a través dun encomiable obradoiro de emprego do Patronato Beiramar, están restaurándose varios muíños do río das Carballas, en Moaña, semellan as máis axeitadas para retroceder a 1752, ano en que aparece a primeira descrición dos 36 enxeños hidráulicos moañeses que transformaban en fariña grandes cantidades de millo e, nunha menor medida, centeo e trigo. Así consta nun apartado do Catastro del Marqués de la Ensenada, que comeza do xeito seguinte:

"En la feligresía de Moaña, y su término en los Rios de Rialdarca, y en el de las Carvallas tiene el expresado Dn. Francisco Antonio Tabares y Saavedra, cura, cinco molinos negreros de maquila, los dos de a dos ruedas y muelen todos diez meses del año, que trae dos al tercio Domingo Piñeiro, y regulan por los dos primeros quinientos reales de vellón, y por otros dos de ellos, que trae en la misma conformidad al tercio Jacinto da Val, a doscientos por cada uno; y por el otro de los cinco, que trae al tercio María da Pena, soltera, cincuenta y un reales?"

Os cinco muíños do daquela párroco moañés, contrastan cos dous que tiña seu primo, o Sr. do pazo do Rosal D. José Antonio Saavedra, e con outro situado na granxa de Dª. Magdalena Mariño de Lobera, Sra. do pazo de Paxarín, na Ameixoada; os tres persoeiros citados, xunto con varios cregos de Moaña e Meira, un fidalgo de Bueu, un burgués de Santiago e algúns labregos, posuían a totalidade deles.

No catastro inscribiron tamén as abondosas propiedades que o antedito párroco adquiriu en Moaña e sitúan os seus cinco muíños que, muelen con agua corriente del Río das Carballas, diez meses al año, en: As Carballas, Marrúa e Miranda.

Cando se estiveron a investigar, nos arquivos históricos, as circunstancias que están na orixe de que este crego fora dono de tanto patrimonio, comprobouse que nacera en 1675 no pazo porriñés dos Tavares, hoxe desaparecido, e daquela aseñorado polo seu pai, D. Francisco Tavares Bullón, casado en segundas nupcias con súa nai, Dª. María Saavedra Fajardo, filla do primeiro Sr. do Rosal, D. Gonzalo Saavedra.

Por formar parte tal pazo dun vínculo e morgado, a herdar por un único fillo, o futuro párroco moañés estaba predestinado a estudar a carreira eclesiástica, co obxecto de non depender do herdeiro; aínda que, segundo describe un documento do libro parroquial de fundacións moañesas, asinado polo escribán de Vilaboa, D. José Rocamán o 21 de febreiro de 1762:

?en el estado de Libre, tuvo un hijo natural llamado Dn. Francisco Tavares Saavedra y Silba que lo hubo de Antonia de Silba ahora difunta, y vecina que fue de la feligresía de Salcedo, Obispado de Tuy?

Durante 56 anos, dende 1706 ata 1762, D. Francisco Antonio Tavares pasou o período máis longo que párroco algún habitara na reitoral de Moaña pois, seus familiares do pazo do Rosal exerceron o dereito de presentación de abades para que o arcebispo compostelán o nomeara cura propio da freguesía moañesa, daquela, a máis importante da xurisdición do Morrazo, despois de Cangas, aínda que pola riqueza agrícola que chegara a través do millo americano, dispoñía duns poucos veciños máis.

O cura, que mandaba sobre un vicecura e ata catro capeláns, compatibilizaba súas labores eclesiásticas, coas de administrador dos abondosos bens do Sr. do Rosal; a recadación que obtiña por este último cargo, xunto coa terceira parte dos décimos e a totalidade das primicias, déronlle para adquirir casas, leiras, devesas e os cinco muíños citados; por tal motivo, converteuse na persoa mais podente de Moaña, despois do seu primo do Rosal.

Segundo aparece noutro apartado do Catastro del Marqués de la Ensenada, vivía na reitoral con tres criadas, un criado, dúas sobriñas, un sobriño e unha muller pobre; os sobriños, na realidade, eran netos seus pois, no testamento describe que levou aos netos a vivir con el na reitoral debido ao pasamento dos pais, sendo os tres de curta idade, financiándolle a carreira eclesiástica a un deles, D. José Tabares quen, pola mediación do Sr. do Rosal, conseguiu ser párroco de Domaio, logo de ordenarse.

As obras no templo

Finou D. Francisco Antonio aos 87 anos de idade despois de legarlle, por vía testamentaria, o abundante capital que posuía ao seu neto crego, pedíndolle que na capela da Virxe da Soidade, fundada por el no ao 1734 nun altar colateral da igrexa de San Martiño, se celebrase unha misa rezada tódolos venres do ano, e outra cantada no día das Dores da Virxe.

Un ano despois da súa morte, asínase un contrato para botar abaixo a ábsida e a sancristía románicas do templo moañés co obxecto de alongalo, construír tres capelas e nova sancristía, no estilo barroco; nunha delas, sucesora da primitiva dedicada á Virxe da Soidade, compúxose un fermoso retablo cun altar no que un capelán continuou celebrando as misas encargadas polo fundador, ata finais do século XIX. O camarín do antedito retablo foi modificado no ano 1926 para situar nel unha imaxe de Nosa Señora das Dores, que substituíu a antiga da Soidade; esta nova talla chegou a Moaña, xunto cun Cristo articulado e unha urna, a través do encargo que lle fixo a veciña de Ameixoada, Xosefa Freire, ao famoso escultor compostelán Xosé Rivas quen, un ano despois tallou a imaxe da Virxe do Carme mariñeira.

Na actualidade, coas citadas imaxes de Rivas, todas elas dun gran mérito artístico, represéntase o Venres Santo, na capela maior da igrexa de San Martiño, un desencravo de orixe medieval que remata coa procesión do Santo Enterro polo centro histórico de Moaña.

(*) Investigador de Moaña