"Cámaraaaa. Acción!". Ao xeito dos grandes profesionais, aínda que con pretensións algo máis modestas, un grupo de estudantes e mestres de A Rúa iniciaron a rodaxe dun documental sobre o antigo complexo de Massó, rememorando a súa relevancia e o importante número de veciños que traballaron alí mentres estivo en activo. Trátase dun dos catro talleres dun proxecto audiovisual sobre profesións, oficios ou tradicións nos que traballan tamén centros de Madrid, Cataluña e mesmo Arxentina, ao tempo que os rapaces e rapazas teñen oportunidade de coñecer directamente as distintas fases do traballo de elaboración dun documental, sentíndose protagonistas.

En todo o proceso contan co asesoramento e a colaboración de profesionais do CGAI, que axudan aos escolares no proceso de rodaxe neste contorno emblemático de Cangas. Onte pola mañá exploraron os arredores da vella conserveira, que aínda non abordaron no seu interior á espera de que os acompañe un equipo de Protección Civil, por motivos de seguridade. Pola tarde desprazáronse á factoría baleeira para continuar recabando material audiovisual, como a entrevista a un veterano traballador que ademais é avó dun alumno do colexio A Rúa. Hoxe e mañán continuarán os traballos sobre o terreo.

Como en todo gran acto cinematográfico que se precie, o proceso non esqueceu detalle. A semana pasada foi unha comitiva do colexio a presentarlle oficialmente o proxecto ao alcalde, José Enrique Sotelo, con quen se reuniron no salón de plenos para explicarlle as pretensións. Tamén lle pediron permiso para rodar nos espazos municipais, e mesmo logo tiveron que xestionar outros emprazamentos privados. O rexedor animounos a levalo adiante e deulles o si para presentalo en Cangas cunha proxección no Auditorio municipal. A estrea do documental está prevista para o 9 de xuño no CGAI, pero de momento aínda está parte do traballo por facer.