Ao tempo de investigar na historia da antiga freguesía de San Martiño de Moaña, entre varios documentos atopados en diferentes arquivos, merece especial consideración unha escritura de poder, procedente do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, polo fiel retrato que fai dunha época na que os moañeses vivían de xeito maioritario do agro. A través desa escritura, outorgada diante do escribán de Cangas, D. Diego de la Iglesia, na data do 20 de novembro de 1736, os labregos e gandeiros, encabezados polo rexedor e o alcalde pedáneo de Moaña, freguesía integrada daquela na xurisdición do Morrazo, con capital na vila de Cangas, apoderan a un procurador da Real Audiencia de Galicia e a un dos propios labradores, para que se dirixan ao Intendente Xeral da antedita Audiencia, co obxecto de denunciar o proceder de Dª. Magdalena Mariño de Lobera, administradora dos extensos bens da Casa e Granxa de Paxarín, no lugar de Ameixoada.

Esta señora, que nacera e vivira na desaparecida Casa e Granxa de Balea, en Santa María de Darbo, antes e despois de casar co que estaba destinado a ser futuro Sr. de Paxarín, D. Francisco Costas Avalle, tivo que facerse cargo dos seus extensos bens por producirse o pasamento do sogro, un ano antes de asinarse a devandita escritura, no tempo en que o seu home atopábase en América, onde morreu no ano 1762.

Os motivos que alegaron os labregos moañeses para denunciala, fundamentábanse na negativa que mostrou a continuar pagando a porción que lle correspondía á Casa de Paxarín, nos impostos reais dos produtos agrícolas que recollía; pois, tal actitude prexudicáballes no reparto proporcional dunha cantidade fixa, imposta polos representantes reais; ese reparto acordábase nunha xuntanza dos cabezas de familia labregos que, para ese e outros fins, celebrábanse no adro baixo e no interior da igrexa de San Martiño, baixo a coordinación do rexedor e o alcalde pedáneo.

Estado llano e privilexiado

Entón, si a Casa de Paxarín, convertida en pazo poucos anos despois, deixaba de abonar a súa parte, eran os demais veciños do denominado estado llano, quen tiñan a obriga de facerse cargo dela pois, os membros do estado privilexiado ao que pertencía a nobreza, fidalguía e clero, estaban exentos de pagar tributos reais. Por elo, na escritura reflectiron o seguinte:

"... Y con el pretexto de haberse muerto el dicho Juan Costas (seu sogro) el de decir la citada Dª. Magdalena, no es vecina de esta referida feligresía, sin embargo de tener en ella la Casa principal donde vivía su suegro formada, viviendo la una hermana suya, y ella continuamente la regenta, teniendo todos sus bienes en esta dicha feligresía, siendo de la línea del estado llano el más rico, se vale por decir que es de otra feligresía, y que si su suegro entró en dicho encabezado con los demás vecinos, que le vayan levantar la cabeza, que sus bienes son de Mayorazgo..."

Óllase como esta señora de apelidos fidalgos, Mariño de Lobera Romay Sotomayor, representados no escudo do ano 1539 que trasladou a Paxarín, onde aínda se atopa, dende Balea, pretende seguir cos privilexios da clase dominante argumentando, entre outros motivos, que Paxarín pertencía a un morgado constituído pola casa grande, granxa e demais terreos vinculados. Esa era a causa que convertía, a ela e a familia, nos membros do estado llano máis podentes de Moaña, á altura do poderoso párroco de San Martiño, D. Francisco Tabares Saavedra e debaixo da Casa Fidalga do Rosal, da que procedía o cura.

Esta denuncia ás instancias máis elevadas do antigo reino de Galicia, interpuxérona os veciños despois de acudir a todo tipo de conciliacións e recursos diante dos xulgados ordinarios, sen conseguir que acatara as sentenzas:

"? siendo ella, en virtud de poder que su marido le dejó, administradora de todos sus bienes, que actualmente está percibiendo sus rentas que suben de setecientos ferrados de pan (preto de 9.000 kilos) y más de cuarenta moyos de vino (arredor de 10.000 litros), intentando que los pobres vecinos de esta dicha feligresía, que con tanto afán van al Reino de Castilla a ganar su vida para mantenerse y a sus familias, y pagar los tributos a Su Majestad, suplan lo que le toca pagar a la sobredicha por los bienes expresados..."

Un longo camiño a pé

Efectivamente, segundo o que se describe no documento, varios labregos de Moaña xa se encamiñaban, a pé, cara a meseta castelá, 130 anos antes de que Rosalía de Castro publicara un antigo cantar galego, baixo o título de Castellanos de Castilla, tratade ben ós galegos... no que, unha campesiña, cuxo mozo finara durante a sega, entre queixumes, dicía:

"Foi a Castilla por pan,

e saramagos lle deron;

déronlle fel por bebida,

peniñas por alimento"

Non era raro, pois, que algúns mozos galegos morreran en Castela debido ás durísimas condicións da viaxe e á índole extrema do traballo afrontado, baixo o forte sol castelán, comendo pouco máis que pan, touciño e queixo, para durmir logo á intemperie ou nalgún alpendre. Por iso, máis dunha moza moañesa padeceu do mesmo mal que a campesiña do cantar transcrito pola máis grande poetisa galega; hai exemplos de casos parellos nalgunhas partidas de defunción parroquial, na actualidade depositadas no Arquivo Diocesano de Santiago, como a que asina o párroco de Moaña o 9 de outubro de 1837, para dar fe que ese día, na igrexa de San Martiño celebrouse un funeral:

"... por el alma de Pascual Currás, mozo soltero, hijo de Manuel y de Clara Martínez. Murió en el Hospital de la Misericordia de Valladolid adonde había ido a la siega. A la función, por orden de la madre, asistieron 4 sacerdotes?"

Así de dura era a vida dos mozos labregos moañeses, e do resto de Galicia, nos derradeiros séculos; vida e morte que tan fielmente transcribiu a poetisa nacida o 24 de febreiro de 1837, fai 150 anos.

*Veciño de Moaña e historiador afecionado