Nestas datas de honra ao santo que, segundo está gravado no tímpano da fachada principal da igrexa matriz, foi erixido como patrón da freguesía de Moaña, imos lembrar un feito que aconteceu hai 250 anos; a firma dun contrato para substituír a cabeceira e sancristía románicas do templo, orixinarias dos séculos XII e XIII, por outras dun novo estilo, o barroco galego, predominante no XVIII.

Tres anos antes, en 1760, construírase o actual campanario que substituíu a unha antiga espadana; esta obra foi pagada polas tres entidades perceptoras dos décimos e primicias dos moañeses: o cardeal Besi de Santiago, a universidade compostelá e o seu párroco.

Os motivos expostos para mutilar o templo, e logo agrandalo foron, entre outros: paliar as dificultades que presentaba para acoller aos moitos fregueses que a el acudían, e que cando lles chegaba a morte enterrábanse no seu chan, nunha época en que Moaña era a parroquia máis poboada das once que compoñían a antiga xurisdición do Morrazo, por enriba incluso da súa propia capital, a vila de Cangas.

Aínda que na reforma do templo primaron as cuestións prácticas, os moañeses desa época, encabezados polo cura ecónomo D. Pedro Benito de Aballe Mariño, que era á vez señor do pazo de Paxarín, na Ameixoada, e D. José Antonio Saavedra Romay, señor da casa fidalga do Rosal, pretenderon que gardase unha perfecta harmonía artística e para elo, seguindo indicacións do arcebispado compostelán, compuxeron un deseño que remitiron a Santiago, de onde foi devolto coa súa aprobación; logo, sometérono a posturas, que no linguaxe actual significa que o sacaron a concurso, misión que executou o antedito crego dispoñendo: "?se fijasen edictos así en esta contenida feligresía (a de Moaña), como en las villas de Pontevedra, Vigo, la de Cangas y ciudad de Tuy ?"

A resposta parece que foi importante, segundo aparece documentada deste xeito: "?Concurrieron ante el mismo otorgante algunos Maestros Arquitectos, que cerciorados y puéstole presente dicho diseño, han hecho diversas posturas. Y por último se minoró y remató en trece mil y quinientos reales?"

Nesa cantidade foi adxudicada a obra ao mestre do Hío, Esteban de Sobreira, co que foi asinado o contrato na data do 24 de febreiro do ano 1763, diante do escribán de Cangas, D. Ignacio Porto Mariño.

Súa primeira cláusula trata do derrube da cabeceira, descrito como "serrar la frontera de la contenida Parroquial Iglesia". Logo, a seguinte obra: "?que haya de hacer la capilla mayor y las dos a cada lado suya, según la planta comunicada por su señoría Illma. (o arcebispo compostelán), dando las diez y seis cuartas de longitud al adelantamiento de la Parroquia, como lo contiene la referida Planta. Item que las tres capillas han de ser de bóveda, haciéndose nueva Sacristía, que esta ha de ser correspondiente a la precitada Parroquia?"

O historiador de Cangas, D. Carlos Vázquez Marinelli, nun traballo sobre a igrexa de San Martiño, sinala o seguinte sobre as reformas barrocas: "Os brazos curtos do cruceiro e presbiterio cóbrense con bóveda de canón con casetóns, tendo menor altura cá nave ... foron feitos despois de 1763 polo mestre Esteban de Sobreira de Hío, que tamén fai este mesmo deseño arquitectónico en San Andrés de Hío e en Sta. María de Darbo, por iso son practicamente iguais no interior e coa mesma decoración exterior de pináculos redondos nas tres igrexas".

Ademais do cura que contratou as obras e o mestre que as executou, no documento cítase á persoa que mandou os cartos para financiala, o emigrante do Casal: "?Lorenzo de Paredes, vecino que ha sido de esta feligresía se falleció en Santa Fé de Bogotá, Reino del Perú, y que por su Última Voluntad entre otros legatos píos que había dispuesto dejara tres mil pesos para la Cofradía de Nuestra Señora del Rosario ?teniendo presente que dicha Cofradía no necesita tanta cantidad para su manutención y que la referida Parroquia se halla lo bastante deteriorada y arruinada ?además de ser corta para el vecindario?"

Lorenzo de Paredes, de familia labrega pobre, orfo de pai dende rapaz novo, era un dos poucos moañeses que amasara unha considerable fortuna na actual Colombia, onde morreu solteiro; antes outorgara testamento para doar os tres mil pesos anteditos, á parte doutros dous mil para a familia que lle quedaba en Moaña.

Ademais das salientadas obras arquitectónicas, con ese diñeiro armáronse os tres retablos das capelas, finando a ampliación barroca do templo en 1770, ano gravado no retablo do Rosario, xunto co nome do benfeitor e do crego de Paxarín. As pegadas do mestre Esteban de Sobreira, atópanse nos seis pináculos anteditos en forma de cornos helicoidais que coroan os remates exteriores das tres capelas.

* Veciño de Moaña