O profesor Arturo Sánchez Cidrás, xunto ao tamén investigador da historia de Bueu Xosé Manuel Cerviño, imparten hoxe no Museo Massó (20.30 horas) a terceira charla do ciclo de conferencias divulgativas "Travesía por tres momentos da historia de Bueu". As xornadas, organizadas en colaboración coa Asociación Cultural para o Debate Ricardo Gómez Buceta, versan hoxe sobre "A industrialización en Bueu. A salga e a pesca da sardiña nos séculos XVIII e XIX".

-Vostede é coñecido polas súas investigacións sobre a historia local. Que lle parecen estas xornadas divulgativas?

-Moi ben. De feito, cando me propuxeron participar me pareceu estupendo. Abarcan un periodo grande empezando polo Bueu romano e tocando distintas épocas. Parécenme unhas xornadas bastante completas. Son tres charlas sobre fitos importantes do municipio.

-Falarán sobre a industrialización en Bueu, que sempre estivo ligada ao mar.

-Nós estudamos sobre a industria da pesca salgada. No século XVIII e XIX foi moi importante a entrada dos cataláns e a empresa co método deles, máis complexo que o método de explotación do mar galego que había antes. Tamén faremos un percorrido pequeno das salgas na época romana e iremos describindo os distintos métodos que houbo en cada lugar de Bueu.

-Por que no seu momento se embarcaron no proxecto dun libro sobre a industria da pesca na vila?

-O fixemos cun fin puramente didáctico. O libro en principio saiu en forma de revista. Pensamos na pesca e, tras investigar a fondo varios miles de documentos, queriamos editalo de forma que os nenos do colexio e os seus pais tivesen un referente de consulta. Tiramos 500 exemplares e se esgotaron bastante pronto.

-O presente da economía ligada ao mar é duro. Ten futuro o sector?

-As noticias sempre son malas. Haberá que botar man da creatividade. Pero é difícil saber que ocorrerá porque da pesca actual non teño un alto coñecemento, aínda que vivo aquí e coñezo a realidade.

-Que esperan que a xente aprenda sobre este proceso de industrialización na conferencia de hoxe?

-Nun principio retomamos todos os apuntamentos e actualizamos cousas. Para darlle un papel máis novidoso e relacionar cambios sociais e políticos co mundo do mar. Pero finalmente nos centraremos nas salgas. Nos tipos de salazóns e descripcións das mesmas. Queremos informar pero non dar un discurso histórico.

-O principal será que a xente entenda a importancia que o mar sempre tivo na economía de Bueu, non?

-Si. - sobre todo que se dean conta da importancia que tivo e ten o mar para a propia estructura de Bueu. A vila naceu arredor do mar. Toda a fronte marítima eran salgadoiros e vivendas de patróns e armadores de antes. Onde se trataban as sardiñas ou onde se salgaba, sobre todo a partir do século XIX. Para coñecer un pobo tamén hai que entender de onde vén.

-Para coñecer os primeiros pasos da industria en Bueu habería que remontarse á época romana, non?

-Si. O que pasa é que ese periodo quedou bastante esquecido no tempo. Despois ata o século XII, aínda que hai pouca documentación, podemos dicir que practicamente non había mariñeiros. Case toda a xente de aquí era labrega. Ás veces os labregos facían de pescadores, pero só de baixura e en pequena cantidade. O mar de Bueu estaba dominado polos grandes gremios de Pontevedra.