Esta noite a praza do Eirado do Costal estará repleta de músicos, xa que o tenteto galego Marcos Pin Factor E-Reset actuará por primeira vez no Festival Internacional de Jazz de Cangas. Estos dez músicos deleitarán ao público cos temas do seu novo álbum, "Barbanza", a partir das 22:30 horas.

- En que consiste o proxecto Factor E-Reset e quen o forma?

- É un tenteto de jazz con trompeta, trombón, alto, tenor, barítono e sección rítmica. Presentamos o noso primeiro disco, onde o que máis destaca é a melodía e a orquestación. Somos dez músicos, todos vellos coñecidos, e levamos tocando xuntos moitísimos anos.

- Que significa para vostede o jazz?

- O jazz é ao que me dedico, a música que escoito maioritariamente. É tamén unha filosofía, unha forma de sentir o mundo que te rodea e de interpretalo.

- Como é o traballo do compositor?

- É algo que ten que gustarche, un traballo arduo que precisa paciencia, sen moitos beneficios económicos pero con moitos beneficios emocionais. Levoume case dous anos escribir os temas deste disco, non implica dificultade, pero leva tempo.

- Onde atopa a inspiración?

- En calquera cousa, depende do que se me pase pola cabeza en cada momento. O disco "Barbanza" está inspirado en lugares desta comarca, na que vivo dende hai sete anos. É unha zona que non coñecía e que me gustou moito. Todo o disco é froito das paisaxes e dos lugares da zona, que conta con mar e con montaña.

- A súa vocación é de compositor ou de guitarrista?

- O meu instrumento principal é a guitarra, pero á hora de compoñer utilizo o piano, porque nel vexo mellor a música. Non teño vocación de compositor ou de guitarrista porque non atopo distinción entre ambos. Aínda que hai diferencia entre ser intérprete e compositor, no meu caso é o mesmo. No jazz é moi común que os músicos interpreten as súas propias composicións.