O Centro Social do Mar de Bueu acolle esta tarde a segunda edición do Festival Poético do Morrazo, un acto durante o cal entregarase o Premio de Poesía Johán Carballeira 2013. O evento comezará as seis da tarde e estará presentado pola actriz Mónica Camaño, quen ademais realizará unha homenaxe a Roberto Vidal Bolaño. O acto contará coa colaboración musical de Xosé Pumar e Xico de Cariño.

O festival comezará cun recital de poemas de Rosalía de Castro con motivo dos 150 anos dende a publicación de "Cantares Gallegos". A continuación presentarase o libro "Raíz da fenda", o poemario que gañou o premio Johán Carballeira no ano 2012, e logo farase entrega do premio 2013 a Marta Dacosta. O festival vai rematar cunha homenaxe a José Diz, autor da canción "Falemos galego", e que contará coa participación da comparsa Os Mulos.